SOLPOR NO SEIXO

SOLPOR NO SEIXO

O lugar do Seixo ao empardecer o 16 de outubro de 2020, Ano Cero do Bicho. Arquivo do autor.

Por mor desta noxenta xeira distópica e co bicho axexando en bucle, o plan B pasando estadías en Maniños [Fene] -fóra da gaiola compostelá-, atópanos case todas as semanas -denantes de empardecer- facendo camiñadas até o Seixo [parroquia de Franza, concello de Mugardos], lugar de nacemento dos egrexios da nosa familia política [léase o intrépido aviador Xosé Piñeiro, que mesmo ten un par de estatuas á súa memoria en Sanxenxo e o pintor galeguista Felipe Bello Piñeiro, que finou na súa casa -con capela anexa- no mesmo lugar do Seixo]. Tempo teremos pra peneirar fasquías dos dous, pois dende hai case corenta anos fómonos mergullando nas súas traxectorias. Baixando por Boado, entre diseminadas casas de indianos, outras tradicionais e tamén novas de deseño vangardista, chegamos ao Seixo. A igrexa de Franza podemos ollala -empoleirada- dende a entrada, mesmo cunha baixada prominente. Ás veces tamén imos até ao Seixo por Franza, percorrendo un anaco da estrada xeral que vai cara Mugardos ou Ares, cunhas vistas da Ría de Ferrol abraiantes. Por unha banda ou pola outra, estamos a falar dun roteiro duns tres quilómetros e medio de ida e algo máis de volta, pois regresamos pola delongada Avenida Bello Piñeiro até o Malpica [o café bar de referencia da veciñanza de Maniños]. Nunha das casas do Seixo podemos ollar unha placa que lembra a presenza de Rosalía de Castro naquel lugar, invitada por unha achegada súa, e que mesmo inspirou un dos seus poemas máis xubilosos, do que falaremos outro día. Desta volta escollemos intencionadamente a foto que inserimos, e que tiramos co mancontro no Ano Cero do Bicho, pois nese magnético escenario natural inspirouse o paisaxista Felipe Bello Piñeiro para pintar nocturnos a esgalla, moitos deles baixo os efluvios do que os do gremio chaman bebidas espirituosas.

Atopamos un vídeo en youtube con algúns tópicos deste engaiolante lugar, aínda que non repara nas casas natais [con placas de lembranza] do sobranceiro aviador e do egrexio pintor, que hogano se amosan nun estado lamentábel e ás que lles meteremos o dente noutras achegas. Beizón!

Comentarios pechados.