SOLEIRA

SOLEIRA

Lago do Medo. Xigante Durmido. Arca do Medrollo. Asentamentos castrexos. Vía Nova. Autoestrada Braga-Astorga. Mansión Saliéntibus. Explotación mineira. Cenobios e igrexarios. Torre medieval. Analepse espiraliforme. Outono do 60. Caída da folla. Acubillo arcádico. Infancia venturosa. Marco privilexiado. Paisaxe acesa. Mestas nevadas. Albeira invernía. Serra de San Mamede. Montes do Rodicio. Andanzas do avó materno. Porto de Vigo na Gran Guerra. Travesía transatlántica no vapor. Escala no Pernambuco brasileiro. Bos Aires na lembranza. Felices anos 20 na Arxentina. Regreso ao abeiro da Gran Depresión. Malla no lameiro de Mamuela. Colleita das patacas Kennebec. Rechouchío dos carros. Magosto no eirado. Castañas no sobrado. Ritual da matanza. Friames no faiado. Carambelo no adro. Caruncho na forxa. Ferro na zafra. Chumbo e cobre fundidos. Primeiro Citroën na casa. Tintín na biblioteca. Selecciones Reader´s Digest. Lecturas arredor da cociña bilbaína. Tour de Francia no Bar da Fina. Bonanza nos chanzos do Toniño. Chegada á Lúa na tasca do Xulio. Apolo XI en branco e negro. Spaguetti westerns no Cine Gayoso. Clint Eastwood no Deserto de Tabernas. “Oye como va” pola megafonía. Cucuruchos de maní no ambigú. Arrecendo das olivas no casino. Cachombas Toural abaixo. Festas estivais das Neves. Torneos triangulares. Ciclismo pioneiro. Veráns abafantes. Piscinas atestadas. Balsas polo río. Roteiro dos muíños. Guateques no Castelo. Andainas até o Mosteiro de Rocas. Iniciática Casa da Xuventude. Versións diversas do “Like a Rolling Stone”. Dylan forever. Bacharelato e COU nos Milagres. Vlad Tepes romanceado por Stoker. Batallán e Voces Ceibes pola megafonía. Amarcord e cine forum. Ian Fleming e os primeiros 007. Fútbol en Balaídos co Athletic. Real Club Celta forever. Agrupación Cultural Os Cabaceiros. Eleccións Xerais do 77. Afervoados mitins na feira do 4. Folgas na convulsa Compostela. Asambleas na Aula 8 de Medicina. Manifas e grises pola Praza Roxa. “Dark side of the moon” & “Wish you were here”. O “Tubular bells” primixenio. Retorno á vila natal. Agocho manancial. Gorida no Reconco. Ourense bretemoso. Maxisterio no arrabalde da Ponte. Licor-café no Volter do Tucho. Fritura das anguías en Untes. Coláxeno no soto do Bar Orellas. Pantasmas da ourensanía. Dyane 6 vermello en nómina. Cafés ao tute no Heriberto. Cuncas e callos no Delmiro. Parladoiros no Comité Central do Chéchari. Birras e cubatas de Bacardí. Interviú no quiosco da Xenerosa. Lustro aceso no Orfeón Ourensán. Tres vinilos e unha casete. Actuacións e confraternidade. Coimbra na hora da despedida. Isla Negra e Neruda. El País e Gabo. Vázquez Montalbán e Haro Tecglen. Rexurdimento e Nós. Versos e cartas ao director. La Región e La Voz. Heterónimos diversos. Lorp White en paralelo. Trauma familiar intenso. Vinicius de Moraes e Bossa Nova. Radio 3 no dial. Jorge Amado e o Quincas Berro Dágua. Guerra das Malvinas. Ella Fitzgerald en bucle. Cinema de verán na Aira das Mantas. Alien: o oitavo pasaxeiro. Outrosí o universo berlanguiano. Fuxida cara adiante. Conclusivo exilio en Compostela. Revista universitaria Dorna. Carlos Mejía Godoy e os de Palacagüina. Afervoadas viaxes por Europa. Mergullo nas orixes. Recuperación do Entroido. Máscara dos Felos en prime time. Dignificación dos Egrexios. Homenaxe ao veterinario marxista. Outrosí aos martirizados da contorna. Praza e placa vindicativas. Aproximacións no semanario ANT. Exposición “A mirada de transparencias cordiais”. Gómez Gayoso axit-prop. Os 6 Concertos de Brandeburgo. Tchaikovski no Pionner dosificado. Zeca, Amalia e Cesaria na lusofonía. Centenario de Quiroga Palacios. Exposición sobre o Cardeal de Galiza. Acercamento inconcluso a García Mosquera. O Precursor Noso de Castro de Escuadro. Lisboa no coração. Apaixonante aventura interoceánica. Expo-João “O descubridor galego do XVI”. Pregón da Festa Medieval. Inventario de achegas imprentadas: Poemario “Alga e fungo” (1999). “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal” (2002). “Conversas con Francisco Carballo” (2002b). “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República” (2006). “Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30” (2008). “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda” (2009). “As caras do Entroido ourensán” (2009b). “Felos de Maceda, enigma ancestral e cosmopolitismo” (2012). “Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda” (2017). “Os Cabaceiros (1974-1986). Doce anos de concienciación e de identidade” (2019). “Quiroga Palacios, príncipe da Igrexa e tribuno do pobo galego”… Outrosí “Vestixios dos nosos devanceiros”. Revista Alcatruz. Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC). Diversos proxectos pendentes. Delongados parrafeos cos amigos. Repouso derradeiro no Medrollo primixenio.

Aurora de 2021 / Ano I do Bicho.