MANIÑOS, LUGÍN, ROQUER E A CASA DA TROYA

MANIÑOS, LUGÍN, ROQUER E A CASA DA TROYA

O Pote de Maniños é a sociedade cultural e de lecer da parroquia. Foto do autor.

A histórica e pioneira cabeceira Radio Fene, que nacera en 1984 ao abeiro daquela corrente de radios ceibes que comezara en Cataluña, e que abandeirou dende os seus comezos o historiador Henrique Sanfiz, reparou no vencello de Alejandro Pérez Lugín, o autor de “La casa de la Troya” [1915], e a parroquia de Maniños [Fene]. Da súa páxina web exhumamos unha crónica abondo interesante nesa conexión [19/VII/2016]:

“A parroquia de Maniños en Fene ten unha considerable presenza na novela de Pérez Lugín, unha das obras máis editadas na Literatura española do século XX. A novela romántica costumista na que o autor lembra os seus anos de estudante en Santiago de Compostela, conta con máis de 100 edicións impresas. Foi tamén levada ao teatro e ao cine en diferentes ocasións. A relación de “La Casa de la Troya” con Maniños derívase da amizade que principiou Pérez Lugín [entre 1886 e 1891 en Santiago de Compostela], co veciño desta parroquia de Fene [Maniños], o que logo chegaría a ser coronel do Rexemento de Artillería do Exército de Terra, don Antonio García Naya, casado con Magdalena Leira Roquer. Magdalena era neta de José Roquer, industrial curtidor catalán que, en 1838, establece no lugar do Souto Vello en Maniños unha fábrica de curtidos. Precisamente de aí tomará o nome o protagonista de “La Casa de la Troya”, a quen Pérez Lugín chama Gerardo Roquer. O novelista visitou Maniños en varias ocasións, acudindo á vivenda situada no lugar do Outeiro, á casa do médico don Guillermo, fillo de Magdalena Leira Roquer. Pérez Lugín introduce na novela unha detallada descrición da parroquia de Maniños dende a zona da ribeira, e subindo polo camiño no que se atopa o Pazo dos Orozco ou Montenegro. Nesa edificación, construída a comezos do séc. XVII polo capitán Alonso de Orozco, viviu o capitán de fragata da Armada don José Ramón Castro Montenegro, falecido en 1834. Eis o parágrafo no que amenta a vivenda que Pérez Lugín denomina na novela o Pazo dos Castro:

Casa do médico don Guillermo, no lugar do Outeiro [Maniños], frecuentado por Alejandro Pérez Lugín. Foto do autor.

“Levantou Gerardo o picaporte, empuxou a pesada porta, entrou e atopouse no vasto adro dunha desas vellas e señoriais casas galegas que foron a un tempo pazo e fortaleza nos afastados séculos feudais e conservan na súa arquitectura pegadas da súa historia. A esquerda, unida ao pazo por unha arcada con dúas fiestras, alzábase unha capela ostentando sobre a súa porta debaixo da espadana un nobre escudo de armas; á dereita unha tapia, por diante da cal unha parra ofrecía o agrado da súa sombra, e ocupando todo o fondo, o señorío dun severo caserón pétreo de dous pisos, baixo e alto. Un ancho balcón de pedra sobre unhas típicas arcadas corría case que a todo o largo do piso alto ata a porta de entrada, á que subía dende o adro, unha escalinata de granito. Sobre a porta campaba o escudo de armas dos Castro coroado por un casco de fachendoso airón. As ameas do tellado e da pesadísima, ancha, pétrea cheminea, daban certa reminiscencia militar ao pazo”.

Engadimos, para unha visión de conxunto, un documental moi aquelado que o Museo da Casa da Troya en Santiago de Compostela artellou co gallo do 25 aniversario da súa posta en marcha, que mesmo coincidiu co centenario da publicación do libro que Pérez Lugín elaborou [en parte] en Maniños nas súas estadías como invitado. Beizón!:

Comentarios pechados.