MAGNA REPORTAXE “O MARIÑO GALEGO MÁIS RELEVANTE DO SÉCULO XVI”

MAGNA REPORTAXE “O MARIÑO GALEGO MÁIS RELEVANTE DO SÉCULO XVI”

O xornal Galicia Hoxe [3/V/2009], da man da periodista Vanesa Oliveira, foi peneirado a fondo as nosas pescudas na vindicación deste egrexio persoeiro macedán. Despois dunha delongada entrevista con nós, na procura de afondar polo miúdo na traxectoria vital do navegante e descubridor João da Nova e de cederlle documentos, cartografía, libros e imaxes vencelladas, imprentou unha extraordinaria reportaxe [2 páx. completas], na sección Lecer daquel domingo de maio, no xornal referenciado. Eis o extenso e aqueloutrado traballo da solvente xornalista Vanesa Oliveira. Beizón!:

“O investigador Santiago Prol, que recuperou a historia dun dos maiores diplomáticos, navegantes e descubridores de Galicia ao servizo da Coroa de Portugal, procura agora que a Xunta faga, no 500 aniversario do seu pasamento, unha declaración institucional para valorar a importancia dun galego menosprezado pola historia. Da súa escasa biografía, iconografía e descubrimentos só fica en Portugal unha cativa rúa que leva o seu nome. Unha rúa pequena na freguesía de Santa María de Belém que, segundo di Santiago Prol no libro que publicou en 2002 sobre o mariño galego, “semella a rúa do parente pobre”, aínda que as súas expedicións no século XVI o coloquen á altura doutros descubridores como Cristovo Colón, Vasco da Gama ou Fernando de Magalhães [que mesmo puido navegar baixo as ordes do nauta galego no buque insignia, a nao Frol de la Mar]. Do mesmo xeito en Galicia, Xoán de Nóvoa [coñecido en Portugal como João da Nova], continúa a ser un perfecto descoñecido. Porén, por vindicación de Santiago Prol, ten unha rúa dedicada á súa memoria na vila de Maceda (Ourense), onde naceu arredor do ano 1450. Este ano cúmprese o cincocentos aniversario do seu pasamento. Con este motivo, o investigador Santiago Prol continúa a reivindicar para o navegante, descubridor e diplomático, unha reparación histórica da súa memoria que continúa sen chegar. No libro “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal” [2002], aludía ás razóns do “menosprezo” deste personaxe. A súa condición de estranxeiro ou mesmo a difamación da que foi obxecto nalgúns medios que quixeron “inmortalizalo como felón e desestabilizador dende 1507”, indica Prol no volume, condenárono a cinco séculos de marxinación.

Porén, este nobre de Maceda foi un pioneiro na época das grandes expedicións mariñas. Entre as súas fazañas dirixiu a sixilosa III Expedición á India en 1501, despois da de Vasco da Gama e da de Álvares Cabral. Tamén descubriu as illas Ascensión e Santa Helena no medio do Océano Atlántico. Outrosí a cobizada Taprobana, hoxe Sri Lanka, como ben sinala a historiadora francesa G. Bouchon. Mesmo no Canal de Mozambique unha illa leva o seu nome [Juan de Nova Island]. Ademais, grazas á súa faceta como diplomático, conseguiu o primeiro tratado comercial sólido dos lusos na India, cando as especias eran o “ouro negro” da época. A historiografía oficial fai referencias illadas e moitas veces, nesgadas sobre João da Nova. Risco, Filgueira, Landín ou máis recentemente Freixanes, refírense ao descubridor, pero ninguén abordou a súa figura con tanta profundidade, documentación e rigor como o investigador Santiago Prol, que acaba de publicar outra obra, “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda [2009], na que repara outra volta en João da Nova comprimindo toda a súa sapiencia sobre el, e que titulou “O galego máis relevante do século XVI”. É aí onde se atopan as orixes do mariño galego. Poucos datos se conservan sobre a súa infancia e xuventude, que, por certo, coincidiu coa segunda Revolta Irmandiña (1467-69) na que a torre do castelo foi asaltada e derrubada en parte. Cara o ano  1480 João da Nova marchou a Lisboa na procura dun futuro mellor, tras a decisión dos Reis Católicos de controlar Galicia, traizoando así á nobreza galega coa que se aliñara contra os irmandiños. A capital portuguesa era daquela un “inmenso mercado internacional de redistribución de produtos europeos e africanos e, de contado, asiáticos e americanos”. Á vangarda das exploracións mariñas, á vez que corrompida e miserenta, a Lisboa de mediados do século XV recibía ouro, sal , aceites, animais exóticos ou escravos a esgalla.

Portada do noso libro editado pola Deputación de Ourense, 2002

Axudado por amizades da nobreza lusitana, en particular coa axuda do seu bo amigo Tristão da Cunha, “o favorito da Corte”, o nauta galego enrolouse nunha das “mariñas máis prestixiosas de finais do século XV” baixo o reinado de Manuel I. O nobre João da Nova, que se autodefinía como “galego de naçóm”, fora nomeado alcaide de Lisboa, un posto político-administrativo que tiña xurisdición sobre a garda e defensa do Castelo de San Jorge, mesmo nas relacións comerciais cos financeiros que chegaban á capital lusa. A comezos de 1501, o rei Manuel I ordenoulle a João da Nova que levase o mando dunha escuadra de catro carabelas con 400 homes, na que sería a III Expedición á India, ao regreso da de Vasco da Gama. O seu obxectivo era aproximarse ás costas brasileiras para encarar con garantías o Cabo das Tormentas. O roteiro fora organizado con suma discreción xa que un dos seus cometidos era probar “novas técnicas navais para a Rota da India con navíos veloces e que os demais non soubesen ren daquilo”.

Porén, desta viaxe de João da Nova desapareceron case a totalidade dos documentos, “algo que dá que pensar” comenta o investigador Santiago Prol. Nesta expedición, o mariño galego descubriu [na viaxe de regreso] as illas volcánicas de Ascensión [un deserto naquela altura] e tamén Santa Helena [que dispuña de moita auga doce e vexetación]. Tras un breve rodeo atlántico, perto das costas brasileiras, descubriu [na viaxe de ida] a Ilha da Trindade. As catro carabelas “collerían rumbo a un dos puntos máis conflitivos da viaxe”, o perigoso Cabo das Tormentas [hogano Cabo de Boa Esperanza]. Nas súas incursións polo perigoso canal de Mozambique sumou outro descubrimento: o dunha  pequena illa que bautizou co seu propio nome, Juan de Nova Island, como aparece referenciada na cartografía de hogano e que mesmo recolleu o novelista Jules Verne en “Historie des grandes voyages et grandes voyageurs”.

Cando arribou á India, João da Nova asentou unha “feitoría” para realizar transaccións comerciais cos malabares indios. Aínda que a súa viaxe non estivo exenta de enfrontamentos, o mariño galego foi un dos poucos que conseguiu regresar da India con todos os barcos intactos. A prestixiosa historiadora francesa Geneviève Bouchon publicou un estudo no que incide en que João da Nova descubriu, nesta expedición polo Índico, a macro illa de Ceilán, actual Sri Lanka e daquela coñecida como Taprobana, que ademais de riquezas materiais [especias], fora idealizada como un lugar mítico e paradisíaco ao que ansiaban chegar os portugueses dende había tempo. Con esta viaxe, “sentou João da Nova os alicerces que lle garantiron ao reino de Portugal o incipiente dominio do mercado da especiaria asiática”. De feito, tras o regreso do mariño galego, o rei Manuel I decidiu peregrinar até Compostela cun considerábel séquito real dende Lisboa, para celebrar a fazaña do nauta galego, cunha visita á catedral e “renderlle contas” ao apóstolo Santiago. O achado de Ceilán non transcendeu ao longo dos séculos, segundo explica o investigador Santiago Prol, “por mor do que se deu en chamar a política do sixilo e polo menosprezo manifesto de non poucos historiadores”.

En 1505, João da Nova partiu de novo á fronte da impoñente nave Frol de la Mar, a de maior porte que facía daquela a Carreira da India. Este buque está considerado “un dos máis prestixiosos da época”, segundo conta o investigador Santiago Prol. Era o mellor “construído e armado” do seu tempo. Interveu en batallas navais e foi un dos barcos de carga que máis veces fixo a Carreira da India. De feito, era unha das naves máis grandes do século XVI, de maneira que tiña máis capacidade de carga que as da época. Definido como “o buque insignia da mariña portuguesa da época”, antes de ser capitaneado por João da Nova, en 1501 estivo comandada polo seu amigo Tristão da Cunha e logo por Estevão da Gama na II expedición de Vasco da Gama cara á India. Tras falecer o mariño galego, a nave quedou en mans de Afonso de Albuquerque e participou nas conquistas lusas máis aló da India. Naufragou á altura da actual Sumatra por mor dunha tempestade, afundindo un dos maiores tesouros xamais perdidos. João da Nova viaxaba con Francisco de Almeida, “un fervente inimigo do mundo islámico”, rumbo ao Índico. O galego tiña unha macromisión estratéxico-militar case imposible: controlar os mares que van do cabo Comorim até as illas Maldivas. Ademais, levaba un documento secreto, que lle dera o rei luso, para exercer como capitán maior de toda a India se o considerase oportuno. En total, vinte navíos con 1.500 soldados e catrocentos mariñeiros formaban parte da expedición. Construíron fortalezas na illa Angediva e tamén en Cananor [no Malabar indio]. João da Nova exerceu como diplomático en varias misións naquela altura. Porén, tras ser agraviado por Almeida, que ascendeu ao seu fillo a capitán maior en detrimento do galego, o mariño decidiu regresar a Lisboa decepcionado. Nesta frustrada viaxe de volta, João da Nova viviu numerosos contratempos. Mesmo decidiu pasar o inverno na costa africana por mor dun monzón moi desfavorable. Alí atopouse de novo coas naves do seu bo amigo e compadre Tristão da Cunha, coas que decidiu ir até Mozambique. Segundo os cronistas, en 1506 João da Nova estaba moi enfermo e o seu barco debía ser reparado. Lista para navegar, a Frol de la Mar sucaría de novo os mares para conquistar Socotorá, hoxe pertence á República Democrática do Iemen do Sul e naquela época considerada xeoestratéxica polos portugueses para impedir a navegación dos mercaderes musulmáns.

En 1507, o mariño galego embarcouse na conquista de Ormuz co capitán maior Afonso de Abuquerque. Unha vez conseguido o obxectivo, o nauta galego pretendía marchar cara a India, como quedara consensuado con Tristão da Cunha. Albuquerque botoulle en cara que se quixese ir. Brás, o fillo deste capitán maior, acusaríao de ser o instigador de todos os conflitos que a flota tivo con seu pai. Un panexírico terxiversado “abondo difundido e comentado ao longo dos séculos”, asegura Santiago Prol, acabaría danando a imaxe pública de João da Nova. De feito, moitos dos historiadores recolleron esta versión “distorsionada, equívoca e provocadora” en numerosos manuais enciclopédicos. “Escritores de sona, vírono como un felón e desestabilizador por seguir devotamente a versión imprentada de Brás de Albuquerque. Algúns fitárono como un estranxeiro aínda que estivese perfectamente integrado na súa patria de adopción”. Santiago Pol defende que o mariño galego “foi un home do seu tempo íntegro, con fidelidade absoluta, sen ningún tipo de fisuras, aos soberanos portugueses aos que serviu”. Porén, tivo que enfrontarse cos lances sanguentos e crueis de Albuquerque, aínda que non acababa de entender “tanta impiedade, tanto fanatismo, tanta piromanía, tanta aniquilación e tanta traxedia”.

Foi un ano despois cando o mariño galego tocou por terceira vez as costas do Malabar indio, coa súa nave Frol de la Mar en deficientes condicións de navegación. Alí, reencontrouse con Almeida quen, tras a morte do seu fillo en 1508, puido comprobar a lealdade do mariño galego que o acompañou na histórica Batalla Naval de Diu contra unha frota de turcos, exipcios e indios. Con esta vitoria, paradoxalmente, “Almeida e João da Nova despexáronlle un inimigo perigosísimo ao futuro gobernador [Afonso de Abuquerque]”. A ruta das especias pasou entón a estar controlada por Lisboa, de aí a importancia daquela batalla.

Orla de João da Nova, páx 66 (Prol, 2002)

Cochim, a sede provisional do vicerreinado, foi a derradeira morada de João da Nova. Logo de resultar ferido en combate, a súa saúde resentírase. No tramo final da súa vida aparecen “intres confusos”, escribe Prol. Aínda que a historiografía manexa a data de xullo de 1509 como a da súa morte, outras fontes apuntan cara o último cuadrimestre dese ano. Aínda que João da Nova morreu “pobre e abandoado” [consonte versións romanceadas dalgúns cronistas], semella que deixou patrimonio en Lisboa, xa que logo o rei fixo doazóns e asignou rendas aos seus herdeiros, porén descoñécemos con quen estaba casado ou se tiña descendencia. Ao investigador Santiago Prol gorentaríalle que a Xunta fixese algún tipo de declaración institucional co fin de desmontar a “lenda negra” que o acompañou inmerecidamente ao longo dos séculos. “A historiografía galega debe incorporar ao descubridor vencellado coa casa nobiliaria de Maceda, á nómina dos Grandes Persoeiros da Nosa Historia”, conclúe Prol”.

Comentarios pechados.