PRIMEIRO POEMA NO Nº 7 DE “DORNA”

PRIMEIRO POEMA NO Nº 7 DE “DORNA”

Portada deseñada polo sobranceiro pintor laninense Laxeiro.

Ao abeiro dos 40 anos do nacemento de Dorna. Expresión poética galega, que agromara o 17 de maio de 1981, coordinada por Luís E. González Tosar [egrexio poeta, hogano presidente do PEN Club Galicia e artífice do singular proxecto cultural Insua dos Poetas], imos recuperar o primeiro poema da nosa autoría imprentado no número 7 desta histórica publicación. Saíra no mes de abril de 1984 dos talleres da imprenta universitaria da USC. Até aquela altura fixeramos algunha modesta incursión en publicacións locais, no semanario A Nosa Terra [ANT] e pouco máis. Publicar en Dorna semellaba todo un luxo. O noso “intermediario” fora o doutor Celso Sánchez, amigo de Tosar dende a súa xeira universitaria en Compostela. Celso coincidira con nós en Maceda preparando oposicións un par de anos antes. El no eido da medicina e nós no da docencia. Como os temarios do ensino eran terribelmente aburridos, escribiamos poemas, liamos novelas do realismo máxico, escoitabamos a Carlos Mejía Godoy & os de Palacagüina e soñabamos con mundos paralelos. Compartir versos nesta canónica revista poética [leva publicados 43 números] con popes do Noso País e cos emerxentes bardos que hogano xa o son con maiúsculas, foi moi gratificante. No número 7 de Dorna aparecían poemas de Díaz Castro, Neira Vilas, Avilés de Taramancos, López-Casanova, Rábade Paredes, Úrsula Heinze, Rodríguez Fer, Ramiro Fonte, Helena Villar-Janeiro, Martínez Oca, Bernardino Graña, Luz Pozo Garza, Xaquín del Valle-Inclán, Manuel Forcadela, Darío Xohán Cabana, Manolo Rivas, Fiz Vergara Vilariño, Luís G. Tosar, Xulio Valcárcel, Helena de Carlos, Enrique Monteagudo, Miguel Anxo Murado, Anxo Quintela, Xesús Valcárcel, Antón Reixa, Eusebio Lourenzo Baleirón, Ana Romaní, Xela Arias… Nas páxinas 74 e 75 ía inserido o noso poema “As tardes nas que ti non estás”, título inspirado nun verso de Méndez Ferrín, pero que non tiña nada que ver coa súa composición. Fíxose a presentación na facultade de Filoloxía [naquela altura en Mazarelos], ao abeiro do Día das Letras Galegas daquel ano [dedicado a Armando Cotarelo, camarada aceso do presbítero ilustrado de Maceda, Manuel Vidal]. Invitamos ao amigo Bieito Seara, que estaba a rematar os seus estudos universitarios na facultade de Económicas e Empresariais da USC. O Che agasalláranos cun exemplar a cada un. Despois recitámolo diante dun auditorio moi centrado no eido poético. Eis o poema escaneado, tal e como foi imprentado no núm. 7 de Dorna. Beizón!

Os comentarios están pechados.