De Maceda ás illas Agalega: 515 anos da viaxe de João da Nova

De Maceda ás illas Agalega: 515 anos da viaxe de João da Nova

Portada do noso libro sobre João da Nova, Deputación de Ourense, 2002. Foto: Santiago Prol

Con ese singular título, o xornal dixital PRAZA PÚBLICA penduraba un interesante traballo asinado polo xornalista David Reinero, o 18 de agosto de 2017 [pinchar eiquí]:

En setembro de 1502, hai agora 515 anos, arribaba a Lisboa o mariño João da Nova. Volvía da terceira expedición portuguesa á India, tras a primeira na que Vasco da Gama logrou superar o cabo de Boa Esperanza e a segunda na que Álvares Cabral fixo oficial a chegada lusa a Brasil. Naquela viaxe súa, João da Nova descubriu na metade do Atlántico as illas Ascensión e Santa Elena, na que tres séculos despois morrería Napoleón; pode que chegase mesmo a Ceilán, hoxe Sri Lanka; e nomeou unhas pequenas illas no Índico, entre Madagascar e as Seychelles, como Agalega. A República de Mauricio, á que hoxe pertencen, cre na orixe galega do topónimo. Porque o seu descubridor, ás ordes de Portugal, naceu en Maceda, é coñecido aquí como Xoán de Nóvoa e cunha terceira grafía plurilingüe tamén dá nome a outro dos seus descubrimentos no Índico, a Île Juan de Nova.

En 2002, coincidindo co quinto centenario daquela primeira viaxe de João da Nova á India, o investigador Santiago Prol, tamén macedense, publicou un libro no que recolle todas as referencias historiográficas sobre o mariño e fía un relato sobre a súa vida e o contexto das súas expedicións. Nacido aproximadamente en 1460 en Maceda e de familia nobre, Xoán de Nóvoa pasou a Portugal tras as revoltas irmandiñas. En Lisboa formouse e chegou a ser alcaide ou xefe militar da cidade en 1496, antes de converterse en quen para Prol foi o galego máis relevante do século XVI, un navegante case descoñecido na súa terra pero ao que Portugal e Gran Bretaña lembran con rúas, moedas e selos na súa honra.

A primeira viaxe de João da Nova á India seguiu a ruta impulsada polos portugueses para superar máis rápido África, que consistía non en navegar abeirados ao continente senón en dirixirse cara o centro do Atlántico para coller alí ventos máis fortes. Esa traxectoria foi a que permitiu aos portugueses tocar Brasil na súa segunda viaxe á India e a João da Nova descubrir na metade do Atlántico sur as illas de Ascensión, á ida (á que chamou daquela Ilha de Nossa Senora de Conceição e renomeada dous anos despois por Afonso de Albuquerque) e de Santa Elena, á volta. Na mesma viaxe de ida, pero xa no océano Índico, João da Nova supostamente nomeou as illas Agalega, entre Madagascar e as Seychelles. O topónimo é para Prol e outros investigadores unha proba do seu descubrimento polo galego ás ordes de Portugal, aínda que outras teses atribúeno a unha derivación do termo portugués galé, que nomea un tipo de barco.

Naquela primeira viaxe á India, Santiago Prol aínda lle atribúe a João da Nova outro logro máis. O da primeira chegada dun europeo á illa de Ceilán, hoxe Sri Lanka, e que daquela podería ser coñecida como a mítica illa de Taprobana, así mencionada por Camões na primeira estrofa do seu Os Lusíadas. Alí foi atopada unha inscrición portuguesa datada en 1501, ano no que pola zona só navegaba João da Nova.

O mariño faría unha segunda expedición á India en 1505 da que xa non retornaría a Lisboa. Na viaxe de regreso, segundo relata Prol no seu libro, permaneceu un tempo enfermo na hoxe denominada Île Juan de Nova, no estreito que separa Madagascar de Mozambique. Alí recolleuno en 1506 Tristão da Cunha, co que participou nunha campaña militar para crear bases portuguesas en Ormuz e Omán, antes de acabar os seus días en Cochin, ao sur da India, en 1509“.

DAVID REINERO, praza.gal, 18/VIII/2017

Os comentarios están pechados.