PRAZA DO CONDE DE MACEDA EN MADRID

PRAZA DO CONDE DE MACEDA EN MADRID

Placa da praza dedicada ao Conde de Maceda en Madrid. Arquivo do autor.

Tiramos outra volta de “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda”, Prol: 2009, Ed. Difusora, nas páxinas 174-75: “Exerceu o Conde de Maceda, Antonio Pedro Nolasco de Lanzós e Taboada [1726-54] como gobernador político, económico e militar de Madrid [correxidor -hogano alcalde- con funcións non homologábeis ás actuais]. Outrosí xentilhome con forzas armadas na Real Cámara, tenente xeneral dos Exércitos, vicerrei de Navarra (…).  Dende aquela institución madrileña queixábase da escuridade nocturna, “auspiciadora de moitos roubos, asasinatos e lascivia na capital do Estado”. O Motín de Esquilache xermolou en 1766. Prohibía lucir capa longa e chapeo chambergo de ala ancha que “favorecían a comisión de delitos ao dificultar a identificación dos malfeitores”. O Motín de Esquilache foi o pretexto que serviu pra amosar o descontendo popular fronte ás reformas económicas e sociais de Carlos III, o rei do Despotismo Ilustrado [“todo pró pobo mais sen o pobo”].

O conde Antonio Pedro Nolasco posuía residencia no Palacio de Maceda, con luxosos xardíns, no Paseo do Prado madrileño (…). Andando o tempo en parte daqueles terreos asentouse o Museo Thyssen Bornemisza [Paseo do Prado, 8] (…). Este Conde de Maceda solicitoulle ao Padre Martín Sarmiento un estudo “Sobre o animal cebra” [1752]. Hogano ten unha praza na capital do Estado español á súa memoria [Plaza del Corregidor Conde de Maceda y Taboada], no distrito de Moratalaz, coñecida popularmente como “Plaza del 20” por ser, durante moitos anos, a última parada entre Sol e Moratalaz.

Fonte: Instituto Geográfico Nacional [2022]

N.B.- Cinco anos despois da publicación deste volume [Prol: 2009], pasounos o doutor Celso Sánchez unha nota de prensa [La Región,22/XI/2014] sobre a disertación do médico ourensán Álvaro de Castro na Casa de Galicia de Valladolid titulada “La Peste Blanca desde el Río Limia hasta Valladolid”, que abordou fasquías históricas e antropolóxicas da tuberculose [coñecida como peste branca], dende o emprego das termas romanas de Aquis Originalis [Lobios] e Aquis Querquennis [Bande] na cura da enfermidade, mesmo até a figura do Conde de Maceda, Antonio Pedro Nolasco de Lanzós, que ditou a primeira orde na loita antituberculosa en España no ano 1746”. ¡Graciñas mil!

Comentarios pechados.