FRANCISCO CARBALLO NA PORTADA DO “CEIBE”

FRANCISCO CARBALLO NA PORTADA DO “CEIBE”

Portada do núm. 12 do voceiro da ANPG con Francisco Carballo intervindo no III Plenario da organización. Fonte documental: Xan Carballa.

Coa xenerosidade de sempre, pásanos o amigo Xan Carballa outro salientábel documento prá memoria e vindicación do fillo sobranceiro de Maceda, o historiador e presbítero ilustrado Francisco Carballo. Desta volta trátase da portada do número 12 do Ceibe, o voceiro da Asamblea Nacional Popular Galega [ANPG], que leva data de novembro do 1977 [custaba 3 pesos, léase 15 pesetas da época]. Nesa histórica portada podemos ollar un Francisco Carballo combativo, megáfono en man, falando -enérxico- no III Plenario da ANPG que se celebrara na capital de Bergantiños [Carballo, A Coruña]. Naquela altura aprobáranse os estatutos nos que se definían “como unha organización interclasista e apartidaria dirixida por unha secretaría colexiada”. Mesmo que a ANPG “era contraria á elaboración dun estatuto de autonomía, xa que logo Galiza era unha colonia do Estado español”. Outrosí que “debería acadar a soberanía por medio dunhas bases constitucionais”. A súa Fronte Cultural -na que estaban Francisco Carballo e Manuel María- constituíu unha das seccións máis dinámicas. Coméntanos Xan [“guasapeando”] que Carballo, naquela época de finais da década dos 70, estaba por todas partes e en todas as frontes: na vida política, na animación cultural, na divulgación histórica, na docencia, no xornalismo, na inculturación da Igrexa galega, etc [como diría el]… ¡Beizón!

Na imaxe da dereita podemos ollar ao macedán Paco Carballo exercendo como activista político -en clave Nosa- en outono de 1977. Naquela altura Francisco Carballo xa estaba considerado como un “pope” e un referente capital prás xeracións máis novas do nacionalismo galego. Fonte documental: Xan Carballa.
Os comentarios están pechados.