MUXÍA, SANTUARIO DA VIRXE DA BARCA  E OS CONDES DE MACEDA

MUXÍA, SANTUARIO DA VIRXE DA BARCA  E OS CONDES DE MACEDA

Letreiro do Concello de Muxía que vencella aos Condes de Maceda co mecenado do Santuario da Virxe da Barca. Foto: Santiago Prol

Achegámonos todos os anos até Muxía, polo menos, un par de veces. O vencello con Maceda é manifesto. Existe alí a Rúa Condes de Maceda, perto da Casa do Concello. Outrosí paneis informativos nos que se pode ler: “O templo deste santuario data do século XVII e garda os sepulcros dos Condes de Maceda, que foron mecenas da obra”.

Placa da Rúa Condes de Maceda en Muxía. Foto: Santiago Prol

En Nobres vencellados ao Castelo de Maceda: Prol, 2009. [Ed. Difusora] dedicámoslle varias páxinas, ao reparar no conde benefactor Joseph Benito de Lanzós e Nóvoa e a súa dona, a condesa María Teresa Taboada e Vilamarín. Tamén no espazo dedicado ao material gráfico con fotos da placa da rúa, do sartego do conde e da iconográfica igrexa, cunha foto tirada por nós dende a Pedra de Abalar [na que, por certo, tamén estivo o Cardeal Quiroga Palacios, que tamén era orixinario de Maceda]. Recuperamos da páx. 174: “O conde Joseph Benito fixo testamento na cidade de Santiago de Compostela o 10 de novembro de 1725. Ordena que lle dean sepultura con dous hábitos: un de San Francisco e outro de San Domingos; que os seus ósos sexan trasladados ao Santuario da Virxe da Barca, en Muxía, e que lle apliquen 4.000 misas (…). Na inscrición superior do seu sartego cincelaron o 23 de novembro daquel 1725, como data da súa morte. O traslado del e o da súa dona fíxose ao ano seguinte dende Compostela [vivían denantes do seu pasamento en Casas Reais e repousaban provisionalmente en Bonaval]. O Conde de Maceda hogano xace no altar maior, ao pé do Evanxeo, e a súa dona, a Condesa de Taboada, no lado da Epístola”.

Sartego do Conde de Mazeda, Joseph Benito de Lanzós, Noboa e Andrade. Fonte: “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda”: Prol, 2009. Foto do autor

O Santuario da Virxe da Barca de Muxía e o Cabo -e o Faro- de Fisterra son lugares xacobeos terminais… Xoán Babarro, o egrexio escritor de Calvelo de Maceda [que viviu e traballou na docencia en Muxía], recadra en O dragón de Gondomil [1989]: “A min Muxía paréceme unha vila impresionada decote polos agoiros da Pedra de Abalar diante do inexpugnábel Océano. O Santuario da Virxe da Barca, unión da terra firme cos solitarios pesqueiros, contempla serenamente, bañando os pés das irreverentes ondas, a altanería dos arrogantes petroleiros [lembremos a catástrofe do Prestige en 2002], que xogan ao escondite entre a Buitra e o Vilán. Este lugar tivo importancia para os peregrinos que viñan a Santiago de Compostela. Deu nome a cantidade de lendas”.

N.B.- Non esquezamos que o 25 de Nadal de 2013, un raio provocou un devastador incendio que causou graves danos neste santuario no que repousan estes Condes de Maceda.

Panel -pendurado na vila muxián- sobre os Camiños de Santiago por terras galegas, que rematan en Fisterra ou en Muxía. Foto: Santiago Prol

Atopamos na arañeira “Muxía 4K- O esplendor da Costa da Morte” [en castelán], un documento videográfico abondo engaiolante [duns 11 minutiños] no que paga a pena reparar [dende o minuto 5 céntrase no santuario e arredores…]. Só faltaría unha breve referencia ao novo Parador de Turismo [abeirado á praia de Lourido], que o ano pasado foi recoñecido como do melloriño no seu sector… Seguiremos con este “roteiro”… ¡Graciñas mil!:

Os comentarios están pechados.