PRAZA DO CONDE DE MACEDA EN MADRID
Tiramos outra volta de “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda”, Prol: 2009, Ed. Difusora, nas páxinas 174-75: “Exerceu o Conde de Maceda, Antonio Pedro Nolasco de Lanzós e Taboada [1726-54] como gobernador político, económico e militar de Madrid [correxidor -hogano alcalde- con funcións non homologábeis ás actuais]. Outrosí xentilhome con forzas armadas na Real Cámara, tenente xeneral dos Exércitos, vicerrei de Navarra (…). Dende aquela institución madrileña queixábase da escuridade nocturna, “auspiciadora de moitos roubos, asasinatos e lascivia na capital do Estado”. O Motín de Esquilache xermolou en 1766. Prohibía lucir capa longa e chapeo chambergo de ala ancha que “favorecían a comisión de delitos ao dificultar a identificación dos malfeitores”. O Motín de Esquilache foi o pretexto que serviu pra amosar o descontendo popular fronte ás reformas económicas e sociais de Carlos III, o rei do Despotismo Ilustrado [“todo pró pobo mais sen o pobo”].
O conde Antonio Pedro Nolasco posuía residencia no Palacio de Maceda, con luxosos xardíns, no Paseo do Prado madrileño (…). Andando o tempo en parte daqueles terreos asentouse o Museo Thyssen Bornemisza [Paseo do Prado, 8] (…). Este Conde de Maceda solicitoulle ao Padre Martín Sarmiento un estudo “Sobre o animal cebra” [1752]. Hogano ten unha praza na capital do Estado español á súa memoria [Plaza del Corregidor Conde de Maceda y Taboada], no distrito de Moratalaz, coñecida popularmente como “Plaza del 20” por ser, durante moitos anos, a última parada entre Sol e Moratalaz.
N.B.- Cinco anos despois da publicación deste volume [Prol: 2009], pasounos o doutor Celso Sánchez unha nota de prensa [La Región,22/XI/2014] sobre a disertación do médico ourensán Álvaro de Castro na Casa de Galicia de Valladolid titulada “La Peste Blanca desde el Río Limia hasta Valladolid”, que abordou fasquías históricas e antropolóxicas da tuberculose [coñecida como peste branca], dende o emprego das termas romanas de Aquis Originalis [Lobios] e Aquis Querquennis [Bande] na cura da enfermidade, mesmo até a figura do Conde de Maceda, Antonio Pedro Nolasco de Lanzós, que ditou a primeira orde na loita antituberculosa en España no ano 1746”. ¡Graciñas mil!