PARADA E FONDA NO MONASTERIO DE PIEDRA
Nas excursións que faciamos co alumnado até Barcelona, había unha parada e fonda no Monasterio de Piedra, que pertence ao concello de Nuévalos, ao sur de Zaragoza. Como a viaxe até a capital catalá sobordaba os mil quilómetros, unha pausa alí semellaba axeitada. Mesmo tiñan dentro do propio cenobio, que hogano funciona como hotel, un par de espazos adaptados para excursións escolares. O profesorado podía así pasar a noite nos cuartos habilitados daquel vedraño edificio. Ao día seguinte, pola fresca, faciamos a visita ao histórico mosteiro cunha guía do staff [sempre salientaba que alí se fixera o primeiro chocolate con cacao, azucre, canela e vainilla, no ano 1534 en España]. Logo mergullabámonos na manchea de fervenzas e abraiantes formas da auga reconducidas pola man humana, naquel singularísimo entorno natural. Até alí fomos tamén coa nosa familia unhas cantas veces. Mesmo con breves estancias nos bungalows do Camping Lago Resort de Nuévalos, que se acha a tres quilómetros e que amosa enfronte o inmenso Embalse de la Tranquera, cunhas vistas moi aqueladas. Aínda conservamos un vídeo en VHS de 1996, que mesmo atopamos pendurado en youtube e que, aínda que semella moi vedraño, é o noso, o que mercamos alí e ollamos en casa unhas cantas veces. Eis o documento que nos mergulla na xeografía e na historia deste antigo cenobio aragonés. Tiramos da contraportada: “Unha visita detallada ao profundo val do río Piedra [Pedra en galego, Pietra en italiano, Pierra en francés, Stone en inglés, Stein en alemán…, tal e como aparece imprentado nas distintas versións]. Outrosí aos seus afluentes, regatos, cascadas e parque natural, de beleza incomparábel, co epílogo dun concerto de auga, luz e son”. Un goce inconmensurábel en toda a súa magnitude. N.B.- O narrador do vídeo semella comete un gazapo, xa que logo o mosteiro foi fundado no ano 1194, no século XII e non no XVII como se pode escoitar ao comezo. ¡Beizón!