ATÉ SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO E MÁIS ALÁ

ATÉ SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO E MÁIS ALÁ

Imaxe de Santo André de Teixido tirada co noso mancontro na visita deste 2021

Dende hai case corenta anos, mesmo ao comezo ou ao remate do verán, imos dende Maniños [Fene] até Santo André de Teixido e máis alá… Logo de percorrer boa parte do territorio do concello  fenés, atravesar a Ponte das Pías [que une Fene con Ferrol], pasar polo Polígono da Gándara dirección Cemiterio de Catabois e logo Valdoviño [o da Praia da Frouseira] pola estrada da costa, aproximámonos a Cedeira por unha calzada rodeada de eucaliptos e moitas curvas. Hogano moi mellorada, pois os primeiros anos semellaba toda unha aventura facer aquel itinerario. A primeira parada obrigada facémola sempre en Cedeira, unha vila abondo atractiva que triplica a poboación no verán. Por iso o de procurar ir ao comezo ou ao remate desa estación, pois hai menos xente e mesmo se pode xantar a un prezo moi razoábel na praza principal da parte moderna da vila. O plan B é levar comida para un “picnic” xa moi perto de Santo André de Teixido, mesmo a carón dun dos miradoiros habilitados con merendeiros entre piñeiros, cabalos salvaxes, vacas ceibes, brétemas e recendos do mar. Logo en Santo André o ritual de sempre. Deixar o coche na entrada, baixar até a capeliña, a fonte dos tres canos, aproximarse aos perigosos cantís, tomar un cafeciño, mercar lotaría de Nadal, mel da contorna, rosquillas e, as veces, as figuriñas de pan pintadas co agasallo da herba de namorar…

Plano de Cabo Ortegal tirado co noso mancontro nun letreiro de Cariño. Verán de 2021. Ano 1 do Bicho

Despois continuar pola impoñente Serra da Capelada. Parada obrigada no Miradoiro da Garita da Herbeira, que non ten nada que envexarlle aos cantís escoceses ou irlandeses [estivemos nos tres lugares]. Comentar que alí rematou algunha vez a Volta Ciclista a España. Hoxe amósase atestada de eólicas cara a outra banda da diminuta estrada. Despois outra delongada parada en Cariño, onde a vida transcorre de vagar. Achegarse logo até o impresionante Faro de Cabo Ortegal, fronteira simulada do Océano Atlántico e o Mar Cantábrico. Se imos ben de tempo, unha visita e outro cafeciño na vila de Ortigueira, senón regresar polo interior con outra paradiña no Castelo de Moeche e ren máis. Atopamos en youtube un vídeo moi aqueloutrado [en castelán] titulado “San Andrés de Teixido, la puerta al más allá”. Unha gozada visual e sensorial, pero mellor facer este roteiro “in situ”… ¡Graciñas mil!  

Comentarios pechados.