O SANTUARIO DOS MILAGRES & CARBALLO

O SANTUARIO DOS MILAGRES & CARBALLO

O vencello de Francisco Carballo co Santuario Mariano dos Milagres foi aceso ao longo da súa vida. Alí estudou na súa preceptoría de Latinidade. Sobre el fixo o seu primeiro libro. Alí misou unhas cantas veces en galego. Mesmo descansou na residencia dos PP Paúis. Alí predicou a “Populorum Progressio” de Paulo VI co bispo integrista Temiño Saiz axexando, mesmo enviando espías para que lle informasen do que comentaba Carballo ao abeiro dos novos aires do Concilio Vaticano II [naquela altura era o reitor do teologado dos Paúis en Salamanca e xa soaba como posíbel prelado]. Alí axudou aos cregos inculturados [Peleteiro e Graña] na procura dun ensino en clave Nosa. Mesmo que profesores nacionalistas expedientados tivesen traballo na docencia [léase Alfredo Suárez Canal]. Alí comezamos no 2015 o primeiro roteiro sobre os Lugares de Francisco Carballo…

En outubro de1964, a revista de vida cristiá, “La Milagrosa”, órgano oficial das Asociacións da Medalla Milagrosa e das Fillas de María, no número 554, fixo un extenso monográfico sobre a Coroación canónica da imaxe da Nosa Señora dos Milagres do Monte Medo. Na portada da revista aparece destacado que é un número extraordinario dedicado á Coroación. Vai acompañada dunha foto da Virxe co fillo. Na páxina seguinte, ademais do sumario, aparece un texto de Francisco Carballo que, naquela altura acababa de publicar o libro “Santuario de los Milagros del Monte Medo” (1963) do que lle entregaran exemplares á muller do xefe do Estado [Carmen Polo de Franco], aos ministros presentes [entre os que estaba Fraga Iribarne] e demais autoridades locais, comarcais, provinciais e galegas [daquela dicían “rexionais”]. Del recuperan un parágrafo dedicado á santiña que leva a sinatura do presbítero ilustrado de Maceda:

“A estatua da Virxe dos Milagres mide 0,70 metros de altura, é de talla con policromía en bo estado, preséntase de pé co Neno no brazo; a súa traza parece relacionarse cos últimos anos do século XVI ou os primeiros do século XVII. Vístese dende hai moitos anos. Posibelmente dende que se fixo ou trouxo ao Medo a imaxe. Un corte marcado con rudeza na parte posterior e o escaso tallado das costas, suxire unha posíbel pertenza a un coro ou conxunto, do que tería sido arrincada. A cara conserva, malia un defectuoso retoque, o seu encanto: é unha bela imaxe con todo o candor dunha pimpinante mullerciña da comarca de Maceda. A peaña apoiase en fermoso trono con banco corrido”. ¡Beizón!

Os comentarios están pechados.