A ILLA DOS PROSCRITOS. RUMBO Á MÍTICA SANTA HELENA

A ILLA DOS PROSCRITOS. RUMBO Á MÍTICA SANTA HELENA

Recuperamos -na categoría desta bitácora dedicada ao macedán universal  João da Nova– un documental duns 26 minutos da DW [servizo público de televisión e radio alemáns], sobre unha das estratéxicas illas descubertas por el, que mesmo foi clave nas viaxes de regreso da Carreira da India, pois tiña auga doce e vexetación. Unha ollada singular esta interesantísima reportaxe de Thomas Denzel, producida en 2017 [co aeroporto aínda en probas por mor dos serios problemas co vento á hora de aterrar]. Ollaremos outra volta, ademais de diferentes fasquías abondo relevantes da illa Santa Helena, a casa museo onde finou Napoleón Bonaparte [que é territorio francés malia que a illa pertence hogano ao Reino Unido]. O illamento de Santa Helena forma parte da súa identidade e hai nativos aos que non lles gorenta o aeroporto, que pretende fomentar o turismo, pero que podería despersonalizar de vez esta “Galápagos do Atlántico Sur”. Parte dos actuais 4.500 habitantes de Santa Helena son descendentes de proscritos británicos. Eis unha reportaxe excepcional sobre a illa descuberta polo galego máis relevante do século XVI; o nauta João da Nova; o histórico fillo sobranceiro de Maceda (Ourense); todo un referente que mesmo deberiamos vindicar todos en clave nosa, incluídas as autoridades institucionais deste Noso País. ¡Beizón!

Os comentarios están pechados.