TRES DOCUMENTOS GRÁFICOS COMO PIONEIRO A PROL DA LINGUA

TRES DOCUMENTOS GRÁFICOS COMO PIONEIRO A PROL DA LINGUA

Copyright: Xan Carballa.

No libro “Conversas con Francisco Carballo” (Prol / Carballa, 2002), publicado por Edicións ANT, aparecen catro documentos gráficos [pp.172-173], nos que amosamos ao presbítero nacionalista de Maceda participando activamente nas campañas a prol da galeguización da toponimia en galego e tamén na Primeira Carreira Popular en Defensa do Idioma Galego, organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galegas e abandeirada pola Asociación Cultural de Vigo, que el presidía naquela altura de comezos dos anos 80. Enviounos Xan Carballa outras fotos da mesma xeira nas que podemos ver a Francisco Carballo co egrexio escritor e candidato galego ao Nobel de Literatura, Xosé Luís Méndez Ferrín, mesmo como pioneiros os dous do que hogano son os Correlingua, que se veñen celebrando todos os anos ao abeiro da Semana das Letras Galegas, e nos que participa alumnado e profesorado concienciado de colexios de Primaria e de institutos Secundaria deste Noso País. No primeiro documento gráfico que nos pasou Xan [autor de todas elas], ollamos a Francisco Carballo lendo o manifesto que caligrafara o escritor ourensán Millán Picouto.

Copyright: Xan Carballa

Na segunda imaxe aparece Méndez Ferrín detrás de Francisco Carballo moi perto do que hoxe é a Fundación Penzol en Vigo. Na terceira xa co testemuño en mans de Méndez Ferrín comezando a Carreira Popular en Defensa do Idioma Galego, mesmo dirixíndose cara a rúa Príncipe de Vigo. O noso agradecemento a Xan Carballa por pasarnos estes salientábeis documentos gráficos que dignifican -aínda máis- ao Carballo sempre comprometido coas causas nobres de Galiza…

Copyright: Xan Carballa

A RAG dedicoulle “daquela maneira e con non moitas ganas” as Letras Galegas ao outro Carvalho [Calero] en 2020, no Ano Cero do Bicho, logo de moito tempo de ninguneo. A Asociación Amigos de Francisco Carballo segue traballando para que na altura de 2025 ou seguintes, teñan a ben ir pensando -dende a rúa Tabernas da Coruña- no outro Carballo [Francisco], para que acade tamén ese recoñecemento polos servizos prestados ao Noso País, aínda que non vai ser doado, pois a órbita do xornal e da editorial ANT, semella xogaban nun mundo paralelo ao da Galiza oficial. ¡Beizón!

Comentarios pechados.