O IV CICLO DA USC NA CONTORNA DE MACEDA
Inserimos ultimamente nesta bitácora lugares, espazos e sentimentos arredor da nosa terra de orixe. Onte, 26 de marzo, case medio cento de persoas vencelladas á Universidade de Santiago de Compostela tiveron a ben mergullarse na nosa contorna. Logo dun reconfortante receso previo nun restaurante de estrada en Santabaia [Pereiro de Aguiar], dirixímonos a San Pedro de Rocas [Esgos], o cenobio máis vedraño e singular do Noso País.
Comezamos na casa prioral, hogano reconvertida no Centro de Interpretación da Ribeira Sacra. Logo visitamos as tres capelas escavadas en rocha e as sepulturas antropomórficas dos “trogloditas” [Risco dixit]. A xente máis intrépida subiu até o campanario asentado nun monolito granítico, que acada os 19 metros de altura, dende onde se pode ollar unha paisaxe de beleza inconmensurábel. Rematamos a visita na Fonte de San Bieito onde algunhas persoas probaron as súas augas “milagrosas”…
Dirixímonos despois a Maceda. Demos un breve paseo polo centro da vila atestada de galerías, cafeterías e terrazas. Reparamos na Praza de Benigno Álvarez onde, ademais do monolito dedicado á memoria dos caídos e represaliados no 36, ollamos a Cápsula do Tempo que fora soterrada o 10 de agosto de 2014, e que será exhumada no verán de 2039, coincidindo coas Festas Patronais das Neves.
Contámoslle á xente do IV Ciclo da USC que nós inserimos nesa cápsula un dos libros que máis satisfaccións nos ten dado. Mesmo cunha breve dedicatoria que será lida nese acto de exhumación o 7 de agosto de 2039. Suxerímoslle ao grupo que en Maceda fan unhas bicas manteigosas moi aqueloutradas. Folga dicir que varios fornos da vila quedaron sen esa mercadoría pola demanda que tivo entre os visitantes.
Tamén reparamos no monumento dedicado ao Felo, a enigmática máscara ancestral do Entroido de Maceda, que ten un rol e unha implicación [afastada de todo o convencional] polas corgas da Serra de San Mamede e polas aldeas e lugares do noso concello. Maceda ten 56 núcleos de poboación. Máis do 60 % da nosa xente actualmente vive na vila…
Outrosí reparamos na antiga botica de Juan Vidal, un emprendedor nato que chegou a ter un laboratorio farmacéutico e varias boticas máis en Ourense capital nas dúas primeiras décadas do século XX.
Indicámoslle onde está programado que quede radicado definitivamente o Museo do Médico Rural, no edificio das arcadas das Toldas, hogano en estado ruinoso, ao abeiro da Igrexa da Virxe das Neves de Maceda.
Dirixímonos logo á Casa do Concello pra mergullarnos -na pranta baixa- no singular proxecto que tivo a ben crear o doutor José Manuel Lage Parente. Estamos a falar do Museo do Médico Rural no que procuramos, logo de repartir os dípticos correspondentes, dar breves explicacións do contido do mesmo, aínda que xa está moi ben documentado nos paneis informativos que hai esparexidos por todas as estancias. Detivémonos na iconográfica imaxe dun médico vedraño montado nunha besta, na que se desprazaba polos camiños e vereas das aldeas máis afastadas das vilas. Tamén no despacho do doutor Pascual. Outrosí nos médicos que exerceron a súa profesión en Maceda durante o século XX, salientando que a maioría eran orixinarios da nosa vila. Detivémonos un intre no excepcional caso do doutor Ángel Quintanilla Ulla, orixinario do Ferrol, que estaba vencellado a Maceda a través da súa familia política que tamén exercían a medicina [a súa muller e o seu cuñado] e que acabou asentándose con praza fixa como “Médico de Cabeceira” na cidade de Badajoz, mesmo con non poucos recoñecementos ao seu labor humanitario como facultativo naquelas terras estremeñas.
Reparamos de novo no singular caso do boticario Juan Vidal e no salientábel legado que os seus descendentes cederon a este museo. O seu fillo, o radiólogo Indalecio Vidal Lombán, mercou o primeiro aparello de raios X transportábel co que facía radiografías por toda a xeografía da provincia de Ourense, que levaba nun coche adaptado [un Fiat] no que tamén revelaba as placas. Ese singular aparello está asentado nun lugar central da sala de instrumental, a máis ampla deste interesante proxecto museístico que axiña vai ter nova vida na Praza das Toldas.
Rematamos facendo un sentido eloxio ao doutor Lage Parente e a súa fermosa iniciativa. A maioría do grupo coincidiu no relevante que é, mesmo que está a demandar espazos máis xenerosos.
Ao saír ollamos a placa dedicada ao Cardeal Quiroga Palacios, o Fillo Predilecto de Maceda e tamén a súa casa natal, que está moi perto na rúa que leva o seu nome. En Maceda, ademais da placa como Fillo Predilecto asentada na fachada princvipal da Casa do Concello e da rúa referenciada, puxéranlle -no seu intre- o seu nome ao Colexio Público e tamén ao campo de fútbol do C.D. Maceda, situado na parte baixa da vila, camiño da Veigachá…
Subimos camiñando polo Toural, mesmo indicando que, ademais da Praza dos Cabaceiros, alí están concentrados boa parte dos espazos de servizos da nosa vila: a galescola, o cuartel da Garda Civil, o centro de saúde que é punto de atención continuada [PAC], a biblioteca pública Francisco Carballo co cruceiro barroco no frontal, o local da Cruz Vermella, a oficina de correos, o centro de día, o colexio público de Primaria, o instituto de Ensino Medio [IES], moi perto o pavillón polideportivo, o museo do ciclismo e as pistas vangardistas de adestramento, o centro multiusos, os locais do GES [Grupo de Emerxencias Supramunicipal], a residencia da terceira idade, o Colexio A Milagrosa de FP [hoxe infrautilizado e en desuso]…
Quedaríanos pra outra, as modernas piscinas, o remodelado campo de fútbol de herba artificial, a casa da cultura con Radio Maceda, o polivalente centro social no centro da vila, o paseo fluvial de case 3 km coa rota dos muíños [algúns restaurados e operativos] , as minas ouro do Medo abeiradas ao Río Tioira, as minas de estaño e wolframio de Baldrei, as minas a ceo aberto de seixo cristalizado do Rodicio, a ara indíxena de Pías, a ara romana do adro de Escuadro, o pedestal [ou ara, pois os especialistas non se poñer de acordo] de Asadur, o enigmático cristo prerrománico do antigo mosteiro das monxas touquinegras de Asadur, os miliarios de Foncuberta e Tioira, o Camiño da Xe que vai seguindo boa parte da Vía Nova [a Rota Romana de Braga até Astorga] e que pasa polo corazón do Val do Medo, petos de ánimas, dúcias de mámoas e de asentamentos castrexos, igrexarios das 11 parroquias, as estatuas xacentes da Igrexa de San Pedro de Maceda e da de Asadur [esta cun inquisidor], os Pazos de Chaioso, Vilardecás, Casasoá…, O Museo de Olería do Batán [Parroquia de Tioira], etc, etc, etc.
Chegamos camiñando -por un carreiro abeirado a unha centenaria carballeira- até o Castelo de Maceda no que xa temos reparado un bo feixe de veces nesta bitácora, mesmo cun “vídeo caseiro” abondo visitado que volvemos inserir desta volta:
Despois da reparadora comida no restaurante Delfín das Lameiras, achegámonos ao impoñente Santuario dos Milagres onde nos estaba agardando Elixio Rivas, un venerábel home sabio [Medalla Castelao], que leva boa parte da súa vida estudando, investigando e publicando libros capitais pra entender as nosas orixes e o noso territorio. Todo un luxo que unha persoa case centenaria compartise con nós o seu Museo dos Devanceiros do que temos pendurada eiquí unha achega. Intercambiamos con el libros [dedicounos a súa última publicación, “As orixes do hórreo”, Boletín Auriense, 2020 e nós correspondémoslle, ademais do agasallo que lle deu a directiva da Asociación do IV Ciclo da UCS, cun par de libros nosos que sabiamos lle ían gorentar.
Procuramos despois, xa no exterior, a ollada de rigor ás fermosas vistas da Serra de San Mamede, ao carballo que abeira os 500 anos, á fonte da virxe, ás capelas do viacrucis, ao cruceiro da Piedade, á estatua dedicada a San Juan Gabriel Perboyre estrangulado en Buján [China] e que conformou o primeiro relixioso paúl martirizado naquelas lonxanas terras orientais… Rematamos falando telegraficamente do novo Colexio dos Milagres, obra do arquitecto Luís Laorga Gutiérrez recoñecida con premios a nivel de Estado e que foi todo un revulsivo educativo nos anos 70 do século pasado con curas [pauis] inculturados e profesores moi identificados coa dignificación do Noso País. Moitos dos seus alumnos logo serían [e son] cadros políticos, económicos, sociais e culturais de relevancia en Galicia e alén do Padornelo.
Despois dirixímonos a Baños de Molgas, vía Maceda, pois o autobús da Empresa Peillet [Vedra] non pode entrar en Molgas pola estrada que hai dende os Milagres.
Alí reparamos na ponte romana, nas burgas con augas de 49,5 graos centígrados e propiedades terapéuticas, no vedraño balneario de finais do século XIX, na converxencia dos ríos Maceda e Tioira, que rematan a súa vida no Arnoia que nace ao abeiro de Rebordechao [onde estivera agachado dez anos o “licántropo” Blanco Romasanta]. Logo de percorrer os concellos Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz e Celanova, acaba este río [evocado literariamente por X. L. Méndez Ferrín] converxendo no lugar de Arnoia, onde conecta do Río Miño.
Terminamos o roteiro no Museo Fundación Moncho Borrajo, na antiga estación de ferrocarril de Baños de Molgas, que nacera como un singular proxecto pra darlle viabilidade a estes edificios en desuso. Co lema “Estacións Vivas” e con fondos do FEDER [75%] e do INORDE [25%], inaugurouse no verán de 2011 este museo, no que podemos ollar artigos e mercadorías da vida cultural e vital do polifacético Moncho Borrajo Domarco, con moitos cadros del e algún de pintores egrexios [Dalí, Laxeiro, Sorolla, Tapies, Miró…]. Outrosí 78 vitrinas, un milleiro de sortellas e aneis de prata, fotos con famos@s, premios, vestiario, obxectos de atrezo, un “ninot” del como bufón, batas de cola, volantes, baúis, camerinos móbiles… Todo un universo dunha persoa de altas capacidades que estudara arquitectura, pero que rematou exercendo de artista, escritor, pintor, debuxante, viñetista, cantante, compositor, deseñador de vestiario, escenarios, decorados, cartaces…
Logo dunha xornada intensa pola contorna de Maceda regresamos a Santiago de Compostela falando da traxectoria vital de Fernando Quiroga Palacios, o excepcional Cardeal de Galicia do que acaba de cumprirse medio século do seu pasamento… ¡Beizón!