O ENIGMA DOS FELOS DE MACEDA

O ENIGMA DOS FELOS DE MACEDA

A nosa carauta do Felo, elaborada polo artesán e patriarca Manuel Garrido Silva de Vilardecás (Maceda). Arquivo do autor.

A súa orixe áchase no corazón da Serra de San Mamede entre corgas, penedos, ríos e covas. No Val do Medo houbo grupos tribais, sociedades de máscaras, megalitismo e cultos zoolátricos. A demografía castrexa e a Vía Nova acadaron unha interpretación cultural diferente. Dende o baixomedievo Maceda asentou bastión fortificado. Eiquí fixo inmersión lingüística en galego Afonso X o Sabio. Coa concesión da feira no 1401 despregou o burgo. Despois veu a revolta irmandiña e a rebelión dos vasalos. No enigma dos Felos áchanse esas reminiscencias. A súa carauta estase a converter no emblema do Entroido galego, en irmandade cos do Támega. Porén, amosa masculinización do feminino e mitra faunística da nosa contorna. Co caxato como arma erótica e intimidatoria, a máscara semella transgresora con autoridade, inmunidade e poder de persuasión.

Antano as parellas de Felos aparecían, mesmo ao lumbrigar o ano, con desprazamentos a pé, trouleo nos asentamentos e faldreo coas mulleres, nun xogo lúbrico e cómplice co caxato. Acougaban nas palleiras os solteiros con rexouba, anarquía e espírito ceibe. Hogano o Sábado e o Domingo de Entroido reflicten poder de convocatoria. O batallón de Felos vai dende Castro de Escuadro con percorridos polo cordal do San Mamede e asentamentos do Val do Medo. Sempre benvidos nas aldeas e nos lugares, amosan brincadeiras, boureo e confraternidade até o solpor. O cosmopolitismo e a afirmación encriptada do universo Felo vén da man do filántropo Emilio Araúxo e do selo AMASTRAN-GALLAR. A poetisa sueca Helena Eriksson esculcou na criptografía do enigma: “I love Peliqueiro but I am Felo”.

N.B.- Este texto da nosa autoría saíu imprentado no xornal La Voz de Galicia o 7 de febreiro de 2013, no contexto dun solvente traballo monográfico do xornalista Jesús Manuel García titulado “Nos dominios do Felo”. ¡Beizón!

Os comentarios están pechados.