O “LOBISHOME” BLANCO ROMASANTA

O “LOBISHOME” BLANCO ROMASANTA

O Concello de Esgos é coñecido polo cenobio de San Pedro de Rocas e por ser berce da familia Baltar [os da Deputación, non os benfeitores Baltar de Padrón e Compostela que novelou recentemente Suso de Toro en “Un señor elegante”]. Outrosí por ser berce de Blanco Romasanta. Estamos diante do primeiro caso de licantropía xudicializado en España a mediados do século XIX. Intencionadamente non puxemos o nome no titular desta achega. Fora rexistrado na partida bautismal como Manuela. Andando o tempo [na confirmación] trocáronlle o nome polo de Manuel a esta enigmática persoa que só medía 1,37 m de altura.  Arredor deste caso de dobre personalidade [un doutor Jekyll e mister Hyde de libriño], un intelixente sedutor e, ao mesmo tempo, un desapiadado descuartizador; un monstro aparentemente moi relixioso no que ten reparado -como non- Iker Jiménez no radiofónico Milenio 3 [La nave del misterio] e logo en programas en televisión. Tamén outros moitos investigadores, antropólogos, psiquiatras, forenses, fiscais, xuíces, avogados, xornalistas, policías, garda civís, novelistas, directores de cinema, documentalistas…

Chamáronlle o lobishome, o home do unto, o lobo da xente, o sacamantecas… Vicente Risco foi un adiantado con “Un caso de licantropía”, Martínez Barbeito coa novela “El bosque de Ancines”, o director Pedro Olea coa película “El bosque del lobo” [con José Luís López Vázquez -do que se cumpren 100 anos do nacemento- no demoledor papel de Romasanta]… Logo virían máis novelas, películas, documentais, congresos… O caso de Romasanta saíu na prensa a nivel mundial, xa naquela altura do século XIX [1852]. Foi recoñecido como un asasino en serie, un psicópata ao que tamén chegaron a definir como “lobismuller, licátropo e hermafrodita”. Unha das teses máis recentes sobre a súa personalidade aportouna García Mañá [o que fora Comisario Xefe da Policía en Galicia]. Coida que, ademais dos problemas xenéticos [un corpo con órganos sexuais de muller ensarillado con exceso de hormonas masculinas dende a puberdade], esta especie de “hermafrodita” sufriu alucinacións ao inxerir pan de centeo co fungo parasito cornizó [“cornezuelo” en castelán], que producía efectos semellantes ao que logo foi o LSD 25. Semella que cometería os seus asasinatos baixo os efectos daquela droga dura.

Ao longo da súa vida traballou como xastre, modisto, axudante do cura, bufariñeiro, segador… Sabía ler e escribir, algo elitista naquela altura, cun analfabetismo manifesto en moitas aldeas e vilas nosas. Escribíalle as misivas á xente, líalle as que lle enviaban e tamén falsificaba outras cartas pra agachar os seus asasinatos. Ofrecíase ás mulleres pra levalas a Castela ou cara Santander despois de que vendesen as súas propiedades e levasen o diñeiro enriba… Na súa etapa como bufariñeiro viña ás feiras de Maceda como vendedor ambulante de quincalla e mercadorías varias. Mesmo hai indicios que unha das súas vítimas fose un veciño noso, que fora con el cara Portugal e que a súa muller denunciara a súa desaparición [consonte pescudas do prestixioso antropólogo forense Mariño Ferro]. Romasanta estivo unha década “agachado” en Rebordechao, ao abeiro da Serra de San Mamede pola banda de Vilar de Barrio, moi perto dos límites municipais de Maceda, protexido polo cura da parroquia. Denates estivera na Edreira convivindo coas vacas ceibadas [A Edreira foi, nos anos 40 do século XX, unha base estratéxica das guerrilla antifranquista en Galicia]. El recoñeceu 13 asasinatos entre mulleres, mozas e homes. Mesmo se fala de 17 vítimas. Fora detido lonxe de eiquí, nun pobo de Toledo e xulgado en Allariz, por iso tamén se lle coñece como “O home lobo de Allariz”. O proceso durou dous anos [2.000 folios manuscritos da “Causa contra el hombre lobo”, que se conservan no Arquivo Histórico de Galicia na Coruña]. A psiquiatría forense comezou a tomar valor con este caso. O xuíz demandou informes de 6 facultativos pra poder entrar na mente de Romasanta e as súas monstruosas falcatruadas. El declarou que devorara ás vítimas por unha maldición que o transformaba en lobo. No xuízo deste proceso único fora condenado a morte [garrote vil]. Por mediación dun hipnólogo francés e cun avogado defensor que deixou o pelexo en defendelo, lograron que a raíña Isabel II conmutase aquela pena de morte por cadea perpetua “polo asasinato probado de 4 mulleres e 5 descendentes”. O relato sobre Romasanta deu pra moita “literatura”. Mesmo se abren novos vieiros de investigación co paso do tempo. Nun recente congreso en Allariz sobre a súa figura, focalizaron a súa morte no penal de Ceuta en 1863 [nacera na aldea de Regueiro, Esgos, en 1809, moi perto do Penedo da Moura no termo municipal de Maceda]. Porén, até o de agora non lograron atopar onde está soterrado pra poder analizar o seu ADN… Na arañeira podemos atopar un bo feixe de documentais arredor da figura de Romasanta, o lobishome do que se dicía que vendía un ungüento reparador [prá tuberculose] coa graxa das súas vítimas, por iso lle chamaban o home do unto ou o sacamantecas, nomes que se empregaron na Galicia rural pra meterlle medo aos nenos… Decantámonos por un dos máis recentes e logrados. ¡Graciñas mil!:

Comentarios pechados.