AFONSO X E MACEDA CONSONTE O ARQUIVEIRO FERRO COUSELO

AFONSO X E MACEDA CONSONTE O ARQUIVEIRO FERRO COUSELO

Entrada do Castelo de Maceda. Na placa institucional da Xunta de Galicia reza: “En Maceda oíu e aprendeu o monarca Afonso X O Sabio a lingua na que daría gloria e prez nas Cantigas de Santa María”. Arquivo do autor.

Do libro citado na anterior achega, “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda [Prol: 2009], e dentro do apartado dedicado ao Rei Sabio e a súa conexión con Maceda, exhumamos hoxe un parágrafo abondo interesante [páx. 63], que mesmo ten connotacións co noso amigo, o doutor Celso Sánchez González, hogano representante nacionalista no Concello de Maceda e persoa preocupada polas causas xustas arredor de todos Nós:

“En 1996 a Asociación Cultural Maçaeda da Limia tirou do prelo unha publicación na que exhumaba o derradeiro discurso en vida do arquiveiro Xesús Ferro Couselo [1906-75]. Fora gravado no domicilio do arqueólogo en Ourense polo doutor Lage Parente [e preservado logo polo doutor Celso Sánchez], para un acto organizado pola Agrupación Cultural Os Cabeceiros de Maceda o 3 de xaneiro de 1975, nas primeiras xornadas culturais celebradas na vila, as mellores de toda a súa historia. Eis as postremeiras verbas de Ferro Couselo: “Maceda ten un castelo ergueito sobre outro de tempos moito máis lonxanos, que chegou nada menos que aos do Rei Santo. No século XV faise da torre un pazo, couto de trobeiros coma nos tempos do Rei Sabio. Afonso X, aínda que non nacese en Maceda, aprendeu eiquí a máis belida lingua pra falarlle á gloriosa Santa María nos seus inesquecíbeis milagres. Dona Violante, raíña doente de amor polo seu home, veu traernos a meirande ledicia no culto á Nai do Ceo polos santuarios e montañas dos Pirineos, onde lle tocou a derradeira camiñata prá vida de sempre perdurábel”.

Os comentarios están pechados.