AFONSO X O SABIO FOI FELIZ EN MACEDA

AFONSO X O SABIO FOI FELIZ EN MACEDA

Fonte: comic “A Nosa Cultura”. Nono Art, 1981, páx. 22

O 23 de novembro deste 2021, cúmprense 800 anos do nacemento en Toledo de Afonso X O Sabio, un rei que fixera inmersión lingüística en Maceda [bispado de Ourense], cando abeiraba os 11 anos de idade [ca. 1232]. No volume “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda” [Prol: 2009] inserimos un delongado capítulo que titulamos “Afonso X o Sabio. A súa conexión con Maceda”. Tempo teremos de peneiralo cumpridamente nesta bitácora. Hoxe queremos recuperar un parágrafo inserido nas páxinas 64 e 65:

“Afonso X o Sabio tamén apareceu en formato banda deseñada, “A Nosa Cultura. Breve itinerario pola cultura galega”, de Parrilla e Marzal, co asesoramento histórico de Xoán Naya, histórico bibliotecario da RAG e cun limiar de García Sabell, presidente da nobre institución naquela altura. No capítulo “A poesía medieval e o gótico” enxertan unha páxina completa dedicada a Afonso X [5 viñetas], ambientada a mediados do século XIII na Corte de Toledo. Na primeira viñeta aparece Airas Nunes con outros trobeiros asalariados. Un deles coméntalle ao rei poeta que a lírica galega está anticuada e que a métrica provenzal semella máis fermosa. Airas Nunes, ao que –naquel intre- chama Afonso X dende a estancia do lado, respóstalle que na Corte hai demasiados franceses. Na segunda viñeta apareces sós o poeta compostelán e o rei. Afonso X coméntalle que deberán comezar unha gran obra narrando en cantigas, moitos dos milagres de Santa María. Airas Nunes pregúntalle ao monarca se o farán en galego. Afonxo X respóndelle: “Si, non esquezo que de neno pasei en Maceda momentos felices”. [Prol: 2009]

Os comentarios están pechados.