O GLORIANA FAI A ROTA EN MEMORIA DE JOÃO DA NOVA

O GLORIANA FAI A ROTA EN MEMORIA DE JOÃO DA NOVA

Foto de Santi M. Amil, reporteiro gráfico do staff de La Voz de Galicia.

Con este título, na sección da Hemeroteca do xornal La Voz de Galicia en Ourense [22/02/2018], lembran o comezo da viaxe do veleiro Gloriana, 20 anos antes, que procuraba “a rota dos portugueses”. Naquela altura nós estabamos investigando a fondo ao mariño da casa nobiliaria de Maceda, que callaría no pioneiro, sólido e referente volume “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal” (Santiago Prol, 2002), que tivo a ben publicar a Deputación Provincial de Ourense. Dende a redacción central de La Voz de Galicia na Coruña, puxéranse en contacto con nós en febreiro daquel 1998, para que lle fósemos aportando información sobre o nauta galego, á par que eles ían imprentando semanalmente a singradura do veleiro. Eis a nova recuperada do xornal La Voz de Galicia, que mesmo aparece cunha imaxe nosa de Nadal de 2004 [do fotoxornalista Santi M. Amil], diante da estatua xacente dun familiar directo de João da Nova, que se acha soterrado na Igrexa de San Pedro de Maceda, nunha homenaxe e ofrenda floral que lle tributamos ao egrexio navegante, un galego universal, o máis salientábel de finais do século XV e comezos do XVI:

“O Gloriana segue sucando o mar para realizar a coñecida “Rota dos portugueses”, en memoria do ourensán João da Nova (Maceda ca. 1460 – Cochin, India, 1509).  O veleiro levou á o día 18 na illa de San Vicente (Cabo Verde), con Xosé Manuel Iglesias como patrón e “comezou a navegación polos mares da lembranza e cun só rumbo marcado nas súas cartas: a recuperación da memoria dos navegantes galegos, neste caso a do ourensán Juan da Nova». Francisco Vigo e Francisco Felipe completan a tripulación deste veleiro clásico que está sufrindo os ventos desfavorábeis e as correntes en contra nestes días. A expedición puxo rumbo a arquipélago canario e atópase a 300 millas ao nordeste de San Vicente e a 300 da costa mauritana. A figura de viaxeiro ligado á casa de Nóvoa de Maceda foi recuperada polo historiador Santiago Prol”. João da Nova trasládase a Lisboa e alístase na mariña portuguesa. É entón cando cumpre o seu soño de viaxar e comeza as súas expedicións por África” [e logo por todo o Atlántico e polo Índico até a India e Ceilán].

Eis o enlace ao orixinal imprentado [en castelán] no xornal La Voz de Galicia: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2018/02/22/span-langgl-gloriana-ruta-memoria-jo-da-novaspan/0003_201802O22C11994.htm

Comentarios pechados.