AFONSO X, MACEDA E OS DA XERACIÓN NÓS

AFONSO X, MACEDA E OS DA XERACIÓN NÓS

Porta franqueada do Castelo de Maceda dende o interior. Arquivo do autor.

Seguimos tirando do noso volume, desta volta pra recuperar o que escribiron [sobre Afonso X o Sabio] don Ramón e don Vicente, os dous egrexios membros da Xeración Nós, que naceran no número 21 da Rúa da Paz en Ourense. Na páxina 55 de “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda” [Prol: 2009] inserimos:

Otero Pedrayo tirou do prelo o pioneiro volume de viaxes “Guía de Galicia” [1926]. Na parte descritiva do Noso País, ao chegar a Maceda aporta: “Vila antiga, título de condado con moderno desenvolvemento pola súa importancia como centro de contratación. Feira os 4 e 20 de cada mes. Castelo de traza maciza, aínda esmoucado, de impoñente aspecto cos seus esquinais e porta franqueada. Chamouse Manzaneda ou Maceda de Limia pola denominación de Limia Alta, aplicada a súa comarca e relacións históricas. Sostense que en Maceda se educou, en poder do seu preceptor Garci Fernández, o infante Afonso, despois Afonso X o Sabio”. Corenta anos despois, na guía “Ourense” [1970], Otero Pedrayo imprenta outra volta con máis contundencia: “No Castelo de Maceda viviu e foi educado de neno Afonso X o Sabio, o máis insigne cantor da Nosa Señora no idioma galaico-portugués”.

Vicente Risco vai un pouco máis lonxe. No tomo “Provincia de Orense” da “Geografía General del Reino de Galicia” [1930], dentro do capítulo dedicado a Maceda, enxerta: “O nome de Maceda é transformación evolutiva de Manzaneda de Limia, co que aparece nos documentos medievais. Terra de señorío, posuíuna a Casa dos Nóvoa, que deu a Ourense prelados e dignidades catedralicias que interviñeron, cando non, promoveron serios disturbios na cidade. No Castelo de Maceda criouse, co seu aio Garci Fernández o príncipe don Afonso, fillo de San Fernando, coñecido co nome glorioso de Afonso X o Sabio. Sen dúbida alí aprendeu a lingua galega con tal perfección, que o levou a ser unha das máis gloriosas figuras da Literatura Galaica”.

Os comentarios están pechados.