FILGUEIRA TAMÉN CONECTA AO REI SABIO CON MACEDA

FILGUEIRA TAMÉN CONECTA AO REI SABIO CON MACEDA

Serra de San Mamede [Xigante durmido] vista dende o Castelo de Maceda. Arquivo do autor.

Nas páxinas 59-61 [Prol: 2009] reparamos nun dos egrexios que mellor estudou a obra literaria de Afonso X en galego. Estamos a falar de Xosé Filgueira Valverde, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, logo director do Instituto Padre Sarmiento e do Museo de Pontevedra. Na xeira democrática presidiu o Consello da Cultura Galega, denantes fora conselleiro de Cultura con Fernández Albor e tamén membro de número da RAG. Militante do Partido Galeguista na xeira republicana, sempre lle gorentou a figura do Rei Sabio. Eis parte do que recollemos no noso volume, nese mergullo do “vello profesor” con Afonso X, que tamén o vencella con Maceda:

Filgueira Valverde fixo varias incursións na vida e obra literaria de Afonso X. No volume 1 da Gran Enciclopedia Galega [GEG] incluíu un extenso traballo no que asevera: “Fillo primoxénito de Fernando III e de Beatriz de Suabia, naceu en Toledo o 23 de novembro de 1221. Do seu pai recibiu exemplos de valor, prudencia e relixiosidade; da súa nai herdou a paixón intelectual dos Stauffen. Seguramente pasou parte da súa infancia en Maceda [Ourense], onde tiña posesións o seu aio Garci Fernández de Villaldemiro, casado cunha dama de estirpe galega, Mayor Arias […]. Se a morada de Burgos lle deu o dominio temperán do castelán, en terras de Ourense aprendeu o idioma no que escribiría as súas cantigas. Unha ampla formación, mesmo musical, preparouno para as tarefas culturais e o contacto con xograres e soldadeiras desviouno cara o lúbrico desenfado das súas burlas” […]. Filgueira enmarca as “Cantigas de Santa María” como “o monumento capital da lingua galego-portuguesa na Baixa Idade Media”. Coida que foron varios cantores galegos os asalariados do rei na Corte de Toledo. Cita a Airas Nunes, a Paio Gómez Chariño, Johan Vasquiz e aos portucalenses Johan Zorro e Vasco Gil […].

Os comentarios están pechados.