O SINGULAR VIVEIRO DE MACEDA (2)

O SINGULAR VIVEIRO DE MACEDA (2)

Vídeo promocional do Viveiro de Maceda (Ourense). Fonte: tragsa.es

Comezamos cun vídeo [1´18´´] elaborado polo Viveiro de Maceda do Grupo Tragsa. Mesmo coas consignas subtituladas deste singular [e único] proxecto empresarial con repercusións a nivel estatal: “9,8 hectáreas de produción. Capacidade para 4 millóns de plantas/ano. Repoboación forestal, froiteira e ornamental. Laboratorio de cultivo “in vitro”. Liña de sementeira automática. Nave de traballo: 2.000 m2. Invernadoiro calefactado: 6.000 m2. Umbráculo con pantalla térmica: 6.000 m2. Zona de endurecemento: 12.000 m2. Ensaios de fertilización e resistencia á seca”.   

Xornada de portas abertas no Viveiro de Maceda. Fonte: tragsa.es

Ademais dese vulgarizador documento audiovisual, o Vivieiro de Maceda pendurou na arañeira outro [abondo interesante] cos datos básicos e catálogos. Arrequentado con logradas fotografías [nas 16 páxinas], podemos ler, na introdución, que este viveiro fora construído en 1993 [ollar o “post” anterior]:  

“En 1996 o Grupo Tragsa adquiriu o Vivieiro de Maceda. No ano 2000 diversificaron as actuacións. Comezou a produción de planta de vide, de planta ornamental e de castiñeiro híbrido. Outrosí unha nova nave dende 2003 como Centro de Mellora e Desenvolvemento Agroambiental (CEMDA): o almacén, as oficinas d@s técnic@s, o laboratorio de biotecnoloxía, unha sala de enxertos e diversas cámaras de crecemento e conservación. Comezaron así os proxectos de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+I) para a reprodución e mellora dos novos Materiais Forestais de Reprodución (MFR) en colaboración con empresas do sector e diversos axentes públicos (…)”.

Foto aérea do Vivieiro de Maceda (Ourense). Fonte: tragsa.es

Nas seguintes páxinas podemos mergullarnos nas diversas fasquías: investigación e tecnoloxía, principais cifras, catálogos de planta [de produción habitual e de produción por catálogo] de coníferas [diferentes especies de piñeiros, abetos, cedros, sabinas, teixos, etc.] e frondosas [ameneiros, erbedeiros, bidueiros, abeleiras, castiñeiros, faias, freixos, acivros, loureiros, cereixos, aciñeiras, carballos, sobreiras, alfarrobeiras, oliveiras, nogueiras, maceiras, vides, hedras, etc.]. Outrosí nos recursos humanos, cun equipo multidisciplinar moi cualificado composto por especialistas [doutora enxeñeira agrónoma, enxeñeiro de montes, enxeñeiros técnicos agrícolas e forestais], operarios, persoal administrativo e reforzos puntuais para determinadas campañas e tarefas. Mesmo salientan que a metade dos postos de traballo son desempeñados por mulleres. Remata o catálogo cun mapa onde se ubica [Estrada Maceda-Baldrei, km 2. Tel.: 988463600 / vivero.maceda@tragsa.es] e demais información de contacto, mesmo invitando a potenciais clientes ou profesionais a recibir asesoramento “in situ” [pinchar eiquí].

Plano ubicación do Viveiro de Maceda (Ourense). Fonte: tragsa.es

N.B.- Unha extraordinaria iniciativa no ámbito do desenvolvemento rural e a prol da conservación da natureza,  ao pé da Serra de San Mamede, inserido fisicamente na Depresión Tectónica de Maceda.

Eis unha breve escolma dixital arredor do singular Viveiro de Maceda:

  • “Unha infraestrutura única en España, todo un referente no eido de la produción e investigación forestal”, La Voz de Galicia.
  • Sobre as primeiras xornadas de portas abertas en 2017, La Región.

(…) Todo un luxo, con abondosas resonancias e implicacións a nivel do Estado español, xestado dende o corazón do Val do Medo (Maceda), que debemos coñecer, vindicar e vulgarizar! Beizón!

Os comentarios están pechados.