O DOUTOR LAGE PARENTE, ARTÍFICE DO MUSEO DO MÉDICO RURAL DE MACEDA
No verán de 2018, cando estaba en pleno proceso de xestación o Museo do Médico Rural, o doutor José Manuel Lage Parente [veciño noso na Rúa do Reconco], díxonos se lle podiamos dar opinión “in situ” sobre aquela “gravidez” que estaba a piques de “saír de contas”. Quedamos impresionados, xa naquela altura, mesmo cando aínda non había paneis explicativos nas diferentes estancias e vitrinas, iluminación focalizada e demais pormenores que axiña inseriría. Ollamos outra volta o Museo do Médico Rural o día da súa inauguración oficial en xullo de 2019. Xa estivera “de parto prematuro” antes, pois ensinóunolo ao grupo que facía o 4º Roteiro de Francisco Carballo, que artellamos pola contorna de Maceda e no que o doutor Lage fixo de anfitrión co seu excelente didactismo [outubro de 2018]. Medrou a “criatura” e o proxecto foi tomando corpo, até o punto de prantexar “mudarse de casa” e ampliar os espazos nos que se desenvolve esta fermosa iniciativa, que exhibe máis de 2.000 pezas vencelladas co universo sanitario. Xa se está artellando unha nova sede, diferente á actual, que se asenta nos baixos da Casa do Concello. Será, se todo vai ben, nas iconográficas casas das Toldas, en plena “milla de ouro” de Maceda, a carón da igrexa parroquial e da praza principal da vila. Engadir que hogano mantén unha interesantísima bitácora.
Abraia o contido deste singular museo. Xa se percibe no logrado díptico [en galego ou en castelán], autoría do doutor Lage. Na portada podemos ollar o laboratorio do emprendedor boticario Juan Vidal na segunda década do século XX. Tamén un médico rural, a comezos do século XX, montado en besta pra poder desprazarse a lugares e aldeas de difícil acceso. Na contraportada vai, ademais dun retrato do doutor Lage no salón principal do museo, un agarimoso saúdo de benvida. Despregado o díptico podemos mergullarnos no contido do museo diseccionado en 9 salas que xa quedaron pequenas: consulta médica [a do doutor Pascual], electroloxía, radioloxía, sala de revelado, laboratorio, esterilización, sala de exploracións, biblioteca e sala de instrumental [con máis de media ducia de vitrinas, mesas e aparellos]. Salientemos a máquina de raios X portátil de 1930, que empregaba Indalecio Vidal Lombán, un dos fillos do boticario Juan Vidal e sobriño do presbítero ilustrado Manuel Vidal Rodríguez [Prol: 2017].
O díptico imprenta un logrado texto de Roberto Fernández Álvarez, médico de familia [chámanlle así agora aos médicos rurais e vilegos, tamén aos outros urbanos de atención primaria]. Podemos ler que estes “heroes sanitarios” traían ciencia, baixaban a curva da mortalidade infantil nas aldeas, procuraban neutralizar a varíola, daban orientacións sobre vivendas insalubres, consellos sobre prácticas nocivas, sobre augas contaminadas… Mesmo se relacionaban coa elite local e tamén coa pobreza máis acesa, desenvolvendo un traballo humanitario fóra de toda dúbida. Incluso procuraban non colisionar co intrusismo dos curandeiros e a súa heterodoxa práctica neste eido…
Teima o doutor Lage en remarcar que os médicos rurais que exerceron en Maceda, durante boa parte do século XX, eran orixinais de eiquí. Mesmo que algúns foron represaliados por ter “ideas avanzadas” para os patróns da súa época. Tamén repara nos boticarios e nos practicantes. Estes malvivían poñendo inxeccións e facendo curas. Mesmo que debían obter recursos fóra do ámbito sanitario…
Xa está a ser recoñecida a “criatura” do doutor Lage con premios e recoñecementos eiquí e máis alá do Padornelo. Outrosí con seguimento mediático [prensa, radio e televisión / TVG…]. Ademais do noso recoñecemento e dos nosos parabéns, queremos salientar a benevolencia que transmite o doutor Lage e a súa enorme paciencia [non sempre saen as cousas como un desexaría, nin nos tempos axeitados]. Tamén que non perdese a ilusión ao axudarlle a medrar con agarimo a este “fillo seu”, xa en plena xuventude, que pronto chegará á idade adulta con determinación e sentidiño. Todo un luxo pra Maceda e o Noso País ¡Saúde! ¡Moita saúde!