O CARDEAL QUIROGA E A LITURXIA EN GALEGO

O CARDEAL QUIROGA E A LITURXIA EN GALEGO

Dossier de prensa sobre a autorización do galego na liturxia e a publicación do misal en galego. Fonte: Lemos Montanet / Torres Luna, 2004

O 12 de decembro de 1963 a Igrexa Conciliar [Vaticano II] recoñecía o dereito aos pobos expresarse liturxicamente nos seus propios idiomas. En Galiza interpretouse de xeito nesgado. Como case sempre, os cataláns e os vascos adiantáronse. Quiroga Palacios fixo abondosas xestións perante o Vaticano. Porén, soportou unha presión enorme durante os seis anos seguintes na súa arquidiocese. Mesmo publicaron eiquí documentos acusando á Igrexa de todos os males de Galiza. Agora ben, o 7 de xaneiro de 1969, aprobouse o galego na liturxia e Quiroga Palacios foi o primeiro cardeal na historia de Galiza, que oficiou unha misa en galego, o 15 de xullo de 1971, en Iria Flavia [co gallo do cabodano do pasamento de Rosalía de Castro].

Francisco Carballo contestounos sobre esta fasquía nas “Conversas” [ANT, 2002]: “É un feito a salientar na biografía de Fernando Quiroga. Hai que engadir que o proceso de retardo na entrada do galego na liturxia debeuse, non só a unha causa endóxena, senón tamén a casuística allea. O secretario da Congregación de Liturxia, Bugnini, retardou o proceso. Foi tal o aluvión de peticións a Roma, de elaboración de libros litúrxicos en tantas linguas a escala mundial, que se viron desbordados. Entón cortaron. Os vascos e os cataláns chegaron a tempo. O noso retrasouse”. Non había tampouco eiquí case nada publicado, nin catecismos, nin Biblia, nin misal autorizado…, algo que os vascos e cataláns si tiñan dende os tempos da II República. Eis a resposta do historiador de Maceda especializado na Igrexa galega: “Non tiveramos nunca liturxia, nin catequese en galego. A ese retraso cultural noso uniuse o fenómeno global da Igrexa de ralentización do proceso. Eiquí foi interpretado como unha causa interna exclusivamente. Pero tamén foi un tema externo. En África había un montón de idiomas que non tiñan gramática, nin nada. Entón en Roma optaron pola lentitude. Iso hai que telo en conta. Bugnini botaba as mans á cabeza. El era un padre paúl que vivía con nós, cando eu fun a Roma no 1967. Falei persoalmente con el varias veces sobre o tema da liturxia en galego, mesmo cando a presión dende Galiza era intensa nos sectores máis progresistas, tanto da Igrexa como da sociedade civil (…)”.

Os comentarios están pechados.