O CARDEAL QUIROGA NA OLLADA DE ALDONZA DE PRATERÍAS

O CARDEAL QUIROGA NA OLLADA DE ALDONZA DE PRATERÍAS

O Cardeal Quiroga Palacios “enchendo a Rúa do Vilar”, na procesión do Padroado do Apóstolo, o 25 de xullo de 1965, Ano Santo Compostelano. Ao seu carón o Capitular e un Cabaleiro da Orde de Malta. Fonte: “Fotobiografía del Cardenal Quiroga Palacios”. Lemos Montanet / Torres Luna, 2004

Baixo o transgresor pseudónimo Aldonza de Praterías, atopamos á historiadora da Arte compostelá Mercedes Gualteria Pintos Barreiro, que inseriu periodicamente, no xornal La Voz de Galicia, olladas arredor da Catedral de Santiago de Compostela e os seus protagonistas pétreos e non tan pétreos [logo sairían en formato libro en “Pedras de Compostela”, Xerais, 2009]. O 26 de febreiro de 2005, imprentou unha vencellada co fillo predilecto de Maceda, que mesmo titulou: “O Cardeal Quiroga. Anos de graza”. Eis esta singular achega moi en clave compostelá [co parágrafo engadido sobre a igrexa do Castiñeiriño na versión publicada 4 anos despois en Xerais]. ¡Beizón!:

“Foron estes días de loito na basílica compostelá, pois tocounos despedir ao cóengo Xulio Arca. Mentres se oficiaban as honras fúnebres retrocedín algunhas décadas, aos anos cincuenta e sesenta do pasado século, e lembrei ao último arcebispo desta cidade que alcanzou o capelo cardenalicio, xa sabedes que falo de Fernando Quiroga Palacios, aquela grande alma da que os composteláns dicían orgullosos, ao velo presidir os desfiles procesionais, que enchía a Rúa do Vilar.

Vista da Serra de San Mamede dende a casa matricial de Quiroga Palacios en Maceda. Foto: Santiago Prol

Nacera co século XX en Maceda, na provincia de Ourense, onde estudou a carreira eclesiástica, proseguindo a súa formación no seminario compostelán [que entre os anos 1870 a 1932 gozou da categoría de Universidade Pontificia], obtendo o doutorado en Teoloxía, para posteriormente graduarse en Sagradas Escrituras no Instituto de Estudos Bíblicos en Roma. De volta a Ourense, en 1940 é nomeado párroco de Santa Eufemia a Real do Norte. En maio do 42 vémolo de cóengo lectoral en Valladolid, pero o seu primeiro cargo importante chega o 25 de novembro de 1945, cando por bula pontificia foi designado Bispo de Mondoñedo.

Seminario Menor de Belvís construído polo Cardeal Quiroga Palacios (1953-57). Foto: Santiago Prol

Ao quedar Santiago sen prelado, tras a morte de Muniz de Pablos, o 4 de xuño de 1949, designouse a Quiroga Palacios para substituílo e, até o seu pasamento, o 7 de decembro de 1971, viviu entre nós como un veciño máis, cunha insólita proximidade entre o arcebispo e os seus diocesanos. Moito traballou por Compostela malia que os anos que nos gobernou [especialmente na década dos cincuenta], foron de escaseza e puxeron a proba o seu carácter. Vendo o empeño construtivo que despregou, acordeime moitas veces de Diego Xelmírez. Aínda ben non chegou eiquí Quiroga Palacios, rematou as obras da Casa Diocesana de Exercicios, que comezara o seu antecesor, inaugurándoa o 26 de xullo de 1952. Outra importante carencia que notou foi a pésima situación na que se atopaba o Seminario Maior e, deseguida, emprendeu a tarefa de construír outro escollendo uns terreos en Belvís. Pero había que recadar cartos e non dubida en pedirllos a canta autoridade nos rexía, reunindo uns 3 millóns de pesetas cando toda a obra se valoraba en 22, amoblamento aparte. Non se rendeu, e un primeiro de marzo de 1953, colócase a primeira pedra, sen deixar de facer campañas para xuntar o diñeiro necesario até a súa bendición en outubro de 1957, polo nuncio Antoniutti, en presenza do alcalde Porto Anido xunto co da cidade da Coruña, Alfonso Molina, e outros cargos; en setembro do ano seguinte, Franco asistiu á apertura.

Frontal da igrexa do Castiñeiriño [Compostela]. No alto o relevo do escultor Eduardo Parrado [discípulo de Asorey] coa Virxe, traballadores, labregos e nenos. Foto: Santiago Prol

Ao leste de Compostela esténdese o populoso barrio do Castiñeiriño, tan grande e disperso que os moitos traballadores que alí habitaban, pertencían a tres parroquias: Sar, Conxo e Cacheiras. Aquilo era unha necesidade que o Cardeal non podía consentir, de aí que en 1957 decretase a creación dunha parroquia baixo a advocación da Virxe de Fátima, cunha dotación de 900.000 pesetas. Con tan pouco capital o arquitecto José María Bonet construíu un templo, un centro social, a escola e a casa reitoral, todo funcional, con materiais sinxelos. A igrexa é de cachotería e perpiaños na fachada; cuberta de tella curva sobre bóveda de tixolo; pavimento de pedra, madeira e terrazo; portas de castiñeiro e fiestras de aluminio. No frontal, o escultor Parrado creou un relevo no que a Virxe acolle traballadores, labregos e nenos xogantíns. Sorprende no interior un retablo de pedra da autoría de Miguel Ferro Caaveiro, encargado polo Cabido en 1780 e que durante anos estivo situado perto do Pórtico da Gloria.

Número 1 da revista “Compostelanum” (Xaneiro-marzo de 1956). Arquivo do autor

Tamén construíu o Cardeal Quiroga vivendas sociais a través do Padroado de Fátima, ao que destinou parte dos 53 millóns obtidos coa venda do Psiquiátrico de Conxo á Deputación. Destacada foi a súa laboura a prol da promoción do Ano Santo [viviu tres: 1954, 1965 e 1971]. Foi tal o éxito do primeiro que, en 1953, Pío XII nomeouno cardeal, e Compostela alegrouse tanto que o declarou fillo adoptivo, nunha brillante velada celebrada na Universidade. Por decreto de 22 de outubro de 1954, crea o Centro de Estudos Xacobeos, e o seu órgano, a revista “Compostellanum”, felizmente viva. Desa época datan as escavacións na catedral, levadas a ramo por Chamoso Lamas e Guerra Campos, que culminaron coa aparición do sepulcro de Teodomiro. Interveu no Concilio Vaticano II, foi legado pontificio en Filipinas e o primeiro presidente da Conferencia Episcopal, pero, por riba de todo, foi o introdutor da liturxia en galego, sendo o primeiro arcebispo que oficiou unha misa na nosa lingua, en Iria Flavia, o 15 de xullo de 1971, con ocasión do oitenta e seis cabodano de Rosalía de Castro. Con anterioridade publicara en galego artigos. No ano 1951, fora nomeado Académico de Honra da Real Academia Galega [RAG]. Tivo sempre un talante xeneroso, por medio de Caritas e tamén en persoa; nunca deixou de dar unha esmola a quen lla solicitaba, xa fose unha pobre velliña ou os organizadores das Festas Minervais, que ían ao pazo episcopal en comisión e o Cardeal, despois de botarlles un sermón polo mal que andaba a mocidade e outras decadencias morais, afrouxáballes mil pesetas, que nos anos cincuenta non era para a perda”.

Lápida do Cardeal Quiroga Palacios a carón do Pórtico da Gloria na catedral compostelá. Foto: Santiago Prol
Os comentarios están pechados.