QUIROGA PALACIOS E FRANCISCO FRANCO

QUIROGA PALACIOS E FRANCISCO FRANCO

Francisco Franco bicándolle o anel ao Cardeal Quiroga Palacios. 10 de setembro de 1958. Fonte: Cesáreo Gil Atrio, “Don Fernando Quiroga. El Cardenal de Galicia”, 1993.

Seguimos preguntándolle nas “Conversas” [ANT, 2002] a Francisco Carballo: Ti deches un titular moi enérxico co gallo do centenario: “Quiroga Palacios foi o verdadeiro tribuno do pobo galego perante o franquismo”, pero ao Cardeal Quiroga Palacios algúns sectores téñeno acusado de franquista. Francisco Carballo respondeu: “¿Como se explica a amizade de Fernando Quiroga con Franco malia as diferenzas tan grandes que manteñen? Non é doado. Quiroga antes do Concilio Vaticano II, antes do seu cambio tan grande, tiña unha mentalidade compatíbel cun réxime autoritario. Posuía unha educación dentro dun sistema que recorda un pouco ao Despotismo Ilustrado do século XVIII: axudar ao pobo pero sen o pobo. De xogarse o tipo polo pobo, pero dende un senso paternal. A imaxe de Franco nese tempo encaixaba algo dentro diso. Ademais Quiroga sabía que moitas das mortes que houbera en Galiza, foran antes de gobernar Franco [nomeado en Salamanca como xefe supremo do bando sublevado o 1 de outubro de 1936]. Na súa mentalidade non estaba responsabilizar globalmente a Franco de todas aquelas catástrofes que houbo eiquí, contra as que el loitou tanto nos primeiros meses do conflito, nomeadamente en Ourense cidade e contorna. Pode ser que non houbese tal confianza: un era un príncipe da Igrexa, o outro xefe do Estado. Mesmo estaba polo medio a liña política de Pío XII e logo a dos Papas Xoán XXIII e Paulo VI… Habería que ter máis datos. Para a maior parte do clero galego vivo, o do 36 é unha labazada, porque eles non fixeron o que fixo Fernando Quiroga Palacios. E a dereita témeo, porque quere monopolizar o relixioso na Galiza. O que máis aborrece a dereita eiquí é que un clérigo, ou un teólogo, defenda aspectos ligados ao galeguismo ou, se queredes, ao nacionalismo. É moi lóxico que a dereita non desexe que Fernando Quiroga sexa recoñecido na súa integridade. Non están de acordo co seu ideario último, o que vai dende 1964 até o seu pasamento o 7 de decembro de 1971”.

Os comentarios están pechados.