SELO DE CORREOS Á MEMORIA DO NOSO CARDEAL

SELO DE CORREOS Á MEMORIA DO NOSO CARDEAL

Portada libriño do selo do Cardeal, editado polo Grupo Academia Postal en 2008.

En maio de 2008 [do 17 ao 25] o Cardeal Quiroga Palacios quedou inmortalizado coa emisión dun histórico selo de correos; mesmo presentado -ao mundo e con moito nivel- en Maceda, na súa vila natal. O Grupo Academia Postal, promotor da iniciativa, editara un libriño no que participaran Xabier Oviedo, alcalde de Maceda; José Luís Baltar, presidente da Deputación Provincial; Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno; Luís Quinteiro, bispo de Ourense; Xosé Carlos Sierra, delegado de Cultura da Xunta; Francisco Nóvoa, ex xefe provincial de Correos e director xeral do Grupo Academia Postal; Valentín Suárez, presidente da FEGASOFI; Teresa Seara, directora de Correos de Maceda; José Barros Cachaldora, presidente da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño; Santiago Prol, investigador… 

No programa de actos, ao abeiro das Letras Galegas de 2008, no salón de actos da torre da homenaxe do Castelo de Maceda, artellouse, entre outras actividades [presentación oficial do selo, apertura da estafeta temporal de Correos, mataselos especial, inauguración da exposición filatélica, certame de música coral…], unha conferencia -a dúas bandas- impartida por Francisco Carballo e Santiago Prol, baixo o título “O Cardeal Quiroga Palacios e o seu legado cultural”. Denantes proxectáranse 100 imaxes, que nós procuramos escolmar da traxectoria vital e pastoral do noso Cardeal. Outrosí un anaco do NO-DO [do seu mellor Ano Santo (1965) no que aparecía -o 25 de xullo- Quiroga Palacios como figura central naquela Compostela de mediados dos 60 en festas xubilosas].

Tarxeta, selo e cuño conmemorativo dedicado ao Cardeal Quiroga Palacios, maio, 2008

Naquela conferencia Francisco Carballo centrou a súa disertación sobre dous parámetros: A organización do Noso País nos tempos de Fernando Quiroga [Carballo sempre o denominaba así] e a vivencia da fe cristiá en Galiza nos tempos do Cardeal. Lembrou a afectuosa entrevista persoal que tivera con el no Pazo Arcebispal en 1957, que o atopara moi avellentado malia ter só 57 anos naquela altura, que vivía na austeridade e na sinxeleza máis absoluta, que os dez últimos anos do cardeal foran moi duros para el, que tivera unha vida moi laboriosa e complexa, mesmo con actividades abondo interesantes e transcendentais… Ao longo dos últimos 15 anos de vida de Francisco Carballo, gravamos todos os actos nos que participamos con el ou nos que asistimos invitados por el. Deste encontro na torre da homenaxe do Castelo de Maceda, daremos cumprida conta no novo proxecto no que estamos mergullados, e do que iremos vulgarizando na bitácora pequenos bosquexos que ampliaremos en chegando. ¡Beizón!

Pinchar eiquí pra ollar as 30 páxinas do libriño do selo do Cardeal

Comentarios pechados.