MONTEDERRAMO, TAN PERTO E TAN LONXE

MONTEDERRAMO, TAN PERTO E TAN LONXE

Fonte: No Allo

Aínda que o Concello de Maceda e o de Montederramo están xunguidos [e separados] pola liña divisoria da Serra de San Mamede, hogano viven relativamente distanciados. Montederramo limita con 8 concellos:  ao norte Parada do Sil e A Teixeira, ao sur Vilar de Barrio e Laza, ao leste Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa e ao oeste Xunqueira de Espadanedo e Maceda. Inserido na comarca da Terra de Caldelas, demograficamente conforma un dos paradigmáticos concellos da Galicia despoboada [como moitos dos abeirados]. Na actualidade baixa dos 700 habitantes. Nos seus mellores tempos chegou perto dos 5.000 habitantes de feito. A emigración, dentro do Estado español e cara Europa desangrou ao territorio… Non imos falar desta volta do río Mao, nin do Embalse de Edrada [ou o de Leboreiro], nin de Vilariño Frío [e o paso da Vía Nova], nin de aspectos físicos, humanos ou económicos en xeral, pois daría para varias achegas.

Salientar, iso si, o Bidueiral de Gabín, espazo natural catalogado como ZEC [zona especial de conservación] ao pé da Serra de San Mamede. Nel agroman os ríos Arnoia, Limia e Támega. A tradición ubica a Manuel Blanco Romasanta facendo algunhas das súas falcatruadas “licantrópicas” neste territorio, no que se artellan andainas outonizas dende o bidueiral até o alto de San Mamede. Outrosí a Rota do Santo, dende a ermida até o mosteiro…

Xa reparamos nunha achega anterior no singular Cruceiro de Marrubio. Hoxe bosquexaremos telegraficamente o seu magno cenobio cisterciense, que impresiona, mesmo dende fóra, aos visitantes. Imos cara o comezo: No ano 1124 dona Teresa de Portugal funda o mosteiro dedicado a San Xoán da “Rovoira Sacrata”, baixo a regra de San Bieito. Andando o tempo aparece como Mosteiro de Santa María de Montederramo vencellado á Orde do Cister. Estamos a falar do monumento máis salientábel deste concello con dous claustros singulares. A impresionante igrexa [1598- 1607], de planta de cruz latina con tres naves, amosa solemnidade e reflicite o poderío de antano deste territorio. Con canónica fachada de estilo herreriano, contén destacados retablos e sillería manierista no seu interior, que merecen unha visita obrigada ao conxunto.

Neste templo tivemos a oportunidade de escoitar un entrañábel concerto do grupo folk Luar na Lubre, na súa “SacroXira” [polos mosteiros da provincia de Ourense], no verán de 2019 [13 de agosto]. Ademais estaba o Agustín, o popular alfareiro de Niñodaguia, facendo [paralelamente ao concerto] unha figura de barro, como pano de fondo e recoñecemento a un oficio ancestral moi abeirado a este territorio. Bieito Romero, o líder desta universal banda coruñesa de folk, ten vencellos familiares na nosa contorna [diso falaremos en chegando…]. Tamén tivemos a oportunidade no pasado [hai algo máis de 4 décadas] de ver obras de teatro dentro do Mosteiro de Montederramo. Turismo, gastronomía e lecer en plena Ribeira Sacra. Outrosí grandes posibilidades no sector primario e no terciario. Montederramo, tan perto e tan lonxe de Maceda…

N.B.- Eis un singular vídeo de conxunto [pinchar eiquí]

Os comentarios están pechados.