A LIÑA DIVISORIA DA SERRA DE SAN MAMEDE
As tirapuxas entre os abades de Montederramo e os condes de Maceda seguiron logo da polémica na Real Chancelería de Valladolid. As disputas foron máis aló do remate formal do Antigo Réxime [dende o último terzo do s. XV até o primeiro do s. XVIII] e da división administrativa do Estado español de 1833 [artellada polo secretario de Estado de Fomento, Javier de Burgos, quedando Galicia con 4 provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, no canto das 7 do Antigo Reino: Santiago, Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui].
Denantes viñera a organización territorial dos concellos [comezada en 1822 e confirmada en 1833], copiando o modelo francés. Andando o tempo foron anexionándose algúns territorios abeirados. Outros concellos independizáronse dos matriciais. Algúns foron fusionándose… Hogano hai 313 concellos en Galicia, dos que 92 pertencen á provincia de Ourense [pagaría a pena darlle unha volta ás futuras fusións noutra achega]. Con ese contexto histórico, en 1863 procurou fixarse os límites dos dous distritos municipais que nos convocan. En 1864, co acordo dos concellos de Maceda e o de Montederramo, resolveuse definitivamente a liña divisoria da Serra de San Mamede. Eis o máis salientábel do expediente instruído, que certificou Camilo Penedo Fajardo, secretario do Goberno Civil de Ourense e que asinou o gobernador Lucas García de Quiñones o 4 de novembro daquel 1864:
“Comeza nun marco sito no máis alto da Serra de San Mamede, distante 13 metros da Ermida, á parte de poñente, a cuxo marco chega o territorio das parroquias de Santa María de Arnuíde, alcaldía de Vilar de Barrio, á de Santa Eulalia de Castro de Escuadro, do Concello de Maceda (…). Dende ese marco diríxese por unha lomba a Escuadro de Maceda, e tamén ás augas vertentes de San Cosme, indo ao máis alto dunha penas que se chaman da Pontiña, pasando o Alto do Outeiro da Lata até o penedo nomeado Pena da Crus. Baixando cara o oeste por montes comunais, chega a un manancial chamado Fonte Cuberta; a través dunha ringleira de penedas chamadas Pena de Cela, vaise cara outro manancial coñecido como Fonte de Uzeira, situado perto do Camiño do Vieiro. Continuando cara o Alto do Couto, existe unha pena cunha cruz, onde concorre a demarcación coas parroquias de Santirso e Escuadro. A través do Alto do Viso, Fonte do Frade e Penas de Xestosa, báixase ao Río das Cabras, rematando a demarcación entre as nomeadas parroquias de San Cosme e Santirso. A continuación as de San Xoán de Covas e Vilardecás, dirixíndose cara Santiago da Costa. Logo de atravesar Palela, Currelo e Cima do Viso, chégase ao marco do Cabezo do Escarpadoiro e dende alí, por entre a parroquia de Covas e Santa María de Asadur, ao Pontón do Rencón, na estrada de Ourense a Ponferrada. Cara poñente e subindo ao norte, chega á Ponte de Pedra; dende eiquí marcha cara o sur, ao camiño que vén da Casa do Vento. Logo ascende por unha pena grande até o Teso, onde empalman as parroquias de San Xoán de Chas, do Concello de Montederramo, San Miguel de Ramil, do Concello de Xunqueira de Espadanedo e Santa María de Asadur, do Concello de Maceda”.
Fonte: Nobres vencellados ao Castelo de Maceda. Santiago Prol, 2009, pp 140-141.