ILHA DA TRINDADE DESCUBERTA POR JOÃO DA NOVA EN 1501

ILHA DA TRINDADE DESCUBERTA POR JOÃO DA NOVA EN 1501

Este arquipélago habitado [o máis afastado de América do Sur no Océano Atlántico] foi descuberto polo navegante macedán João da Nova. Nesta grande reportaxe, producida e dirixida polo prestixioso documentalista brasileiro Emerson Cabral, ollaremos na súa inmensa diversidade a Ilha da Trindade (e as Ilhas Martín Vaz), que emerxeron hai 3 millóns de anos. O documental, emitido na TV Assambleia do ES brasileira, o 9 de xuño de 2018, cita expresamente o nome do mariño occidental que a contemplou por primeira vez. Dende o minuto 6:27 até o 6:33, o narrador Adriano Beraldi avanza: “A illa foi descuberta en 1501 polo navegante portugués João da Nova. Trindade estivo baixo o dominio de Portugal até a independencia do Brasil”. Na nosa biografía “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal” (Santiago Prol: 2002), publicada pola Deputación de Ourense cando se cumprían 500 anos da súa exitosa viaxe á India, deixamos patente a súa orixe galega e o seu vencello con Maceda e a súa casa nobiliaria. Nesta reportaxe de 27 minutos, narrada en brasileiro e subtitulada en castelán, visualizaremos esta fascinante illa, que non ten porto nin aeroporto. Outrosí poderemos visualizar fentos xigantes de até 6 metros de altura, refuxios de tartarugas verdes, caranguexos amarelos alcumados “donos da illa” e o acubillo de innumerábeis especies de aves oceánicas… A illa está baixo xurisdición da Mariña Brasileira como lugar estratéxico, militarmente falando. Só deixan residir alí temporalmente a científicos naturalistas e oceanógrafos [8 como máximo en cada quenda]. Eis outro interesantísimo vestixio audiovisual vencellado con João da Nova, o grande descubridor galego do século XVI, un macedán universal que mesmo debería vindicar toda a ourensanía.

Comentarios pechados.