ESCOLAS VIAXEIRAS / CÁCERES

ESCOLAS VIAXEIRAS / CÁCERES

A mediados dos anos 80 do século pasado impartiamos aulas en Bembibre [A Coruña]. Naquela altura estaban de moda as Escolas Viaxeiras por todo o Estado español. 17 discentes de tres comunidades autónomas distintas visitarían unha provincia allea á súa comunidade. Compartirían vivencias culturais e turísticas ao longo dunha semana. Tocounos ir cos discentes de oitavo curso da nosa titoría a Cáceres. Como había un convenio do Ministerio de Educación con Renfe, os desprazamentos facíanse en tren e logo en buses fretados pola compañía ferroviaria. Dende Compostela até Madrid viaxaramos toda a noite. Alí aproveitamos aquela primeira mañá co noso grupo pra desprazarnos en metro, ollar o Museo de Cera, ver o estadio de fútbol do Bernabeu, dar unha volta ao abeiro da Praza Maior e pouco máis…

Logo, pola tarde, collemos outro tren dirección Cáceres que semellaba do “far west” americano. Alí residimos nunhas vivendas dun instituto politécnico. Os outros dous grupos eran de Zamora e de Jaen. Así convivirían alumnos da Galiza interior e urbanitas de Andalucía e de Castela e León [51 en total máis 3 titores e 1 coordinadora]. Ademais da cidade monumental de Cáceres, visitamos a provincia e tamén nos achegamos até Mérida, a capital de Extremadura que acabada de estrear Autonomía e que pertence á provincia de Badaxoz. Estivemos en Navalmoral de la Mata, Plasencia, Val do Jerte, Coria, ao abeiro das Hurdes, Valencia de Alcántara, Trujillo, Parque Natural de Monfragüe, Mosteiro de Guadalupe… Agora ben, o que máis nos chamara a atención fora o Museo Vostell en Malpartida, co seu primixenio automóbil medio enterrado en formigón e demais excentricidades do artista alemán… Aquela excursión fora unha experiencia intercultural moi gratificante pra todos. Nós, que xa coñeciamos Extremadura de viaxes anteriores, regresamos naquel verán outra volta, mesmo pra mergullarnos no Lago Proserpina, extramuros da cidade de Mérida, á que nos achegariamos máis veces pra ollar actuacións no seu Teatro Romano das que daremos conta noutras achegas. Beizón!

Comentarios pechados.