QUIROGA PALACIOS & ALONSO MONTERO

Xesús Alonso Montero, incansábel militante comunista, sociolingüista, ensaísta, profesor, editor, activista cultural, presidente da RAG e moitas cousas máis, mantivo certo vencello co Cardeal Quiroga Palacios, mesmo con algún debate improvisado no Pazo de Xelmírez en Compostela entre os dous. Ao longo da súa delongada traxectoria vital (acaba de deixarnos con 97 anos), Alonso Montero reparou no Cardeal de Galicia en varias publicacións. Outrosí nalgunhas das súas columnas semanais no xornal La Voz de Galicia (BEATUS QUI LEGIT). Eis un par de exemplos:
“No traballo Manuel Gómez del Valle, poeta, comunista e mártir (Madrygal, 1999) fágolle a debida xustiza a don Fernando Quiroga Palacios que, en Ourense, o 10 de agosto de 1936 fixo o imposíbel para que non fusilaran a aquel idealista de 30 anos.“
“O franquismo, en 1946, recén derrotado o nazismo, necesitaba de príncipes da Igrexa pouco estridentes e sabiamente prudentes, características moi presentes en Quiroga Palacios (Voz, 18/V/2000)”.