BEIRAS NAS CONVERSAS CO BIEITO

No libro das “Conversas co Bieito” (Prol: 2022) dedicámoslle un bo feixe de páxinas o seu vencello con Xosé Manuel Beiras Torrado (1936-2026), dende a sua xeira universitaria en Compostela até os tempos do Bipartito (2005-2009). Rescatamos boa parte daquela aproximación logo do pasamento do seu profesor e referente (pp. 75-81). Que lle sexa leve a terra!:

“Imos centrarnos agora no profesor que máis te marcou no teu paso pola universidade. Estamos a referinos a Xosé Manuel Beiras, catedrático de Estrutura Económica da Facultade de Económicas e Empresariais de Santiago. Logo dunha tempada longa en dique seco, que el mesmo define como “o espazo en branco que vai dende o 77 ao 81”, Beiras reincorpórase ao seu posto en xaneiro de 1982 e revoluciona o panorama interior da facultade, tanto no profesorado como no alumnado. Era a universidade moi “pasota” naquela altura, tal e como di el?
Eu víao así. A universidade dos anos 70, nomeadamente a da segunda metade, estaba máis comprometida con moitas causas. A comezos dos 80 a xente, polo xeral, só se centraba en sacar as carreiras pra diante e pouco máis. Porén, había contradicións. Ollábase como se nos estivesen alienando, pero a xente non estaba tan implicada. A universidade xa estaba naquel papel de crear profesionais e non no aspecto tan vinculado á realidade, contestatario, humanista…, formar cadros pra seguir con este capitalismo que o invade case todo. Chega Beiras e quere retomar o que significaba a universidade antes e na que moitos coincidiamos, pois iso era o que agardabamos dela. Un papel máis comprometido coa realidade, mesmo para transformala. Naquela altura xa había moitos profesores que foran alumnos de Beiras e que estaban a coller outro tipo de camiño. El cando se reincorpora vai darlle clases de Estrutura Económica aos de primeiro de carreira. Gorentáballe impartir docencia aos que comezaban. A min deume en cuarto Estrutura Económica de Galicia, unha das optativas. Nese intre é cando comezo a ter relación directa con Beiras. El fora decano dende marzo de 1982 até novembro de 1983. Ganáralle nas eleccións á candidatura que encabezaba Abel Caballero. Dimite decepcionado co día a día na facultade logo dun ano e oito meses no cargo. A expresión que empregou nunhas declaracións á prensa era “noxo da vida interna, sectarismo e falta de valores de convivencia”. Logo optaría ao reitorado no 84 coa Alternativa da Universidade Galega. Os CAF estabamos con el, pero ganou a candidatura de Pajares, moi na órbita do PSOE.
As clases do Beiras eran diferentes. Podes evocar iso?
El sempre dicía que lle encantaba estar coa xente nova. Mesmo que aprendía máis de nós, que do que nos transmitía. As súas clases eran maxistrais. Semellaba un trebón. Era capaz de estar falando ou lendo citas en inglés, en francés e en galego e non perder o fío. De feito ás súas clases asistía xente que non estaba matriculada con el. Mesmo as veces parecía que se dispersaba, pero como era unha dispersión agradábel pois non nos importaba. A súa erudición e o seu cosmopolitismo tíñanos abraiados. Cos alumnos el sempre tivo moi bo trato. As súas clases eran moi enriquecedoras. Incluso xente que non estaba na liña del, ía con moito interese. Era como un libro aberto. Beiras dirixiulle as teses a case todos os que logo fixeron carreira política no PSOE, mesmo procuroulles inicialmente contactos e traballos, pois el coñecía e relacionábase con xente de moito nivel. A maioría foron desagradecidos, algúns mesmo traspasaron todas as liñas roxas. O máis leal con el sempre foi Ceferino Díaz. Estivera no PSG [Partido Socialista Galego] con el dende moi novo, incluso fora candidato en Lugo no 77 ao Congreso con aquelas siglas. Logo no 78 marchou, cando Beiras estaba no que el chamou “o espazo en branco”, mesmo cun tratamento moi cuestionado a posteriori, na procura de mellorar a súa saúde. Cefe sempre dicía que era o seu xefe, pois pertencían ao mesmo departamento. El respectábao moito. Os outros intentaron degradalo por mor do tema da súa enfermidade dicindo que era un tolo. Os que antes lle “daban graxa”, agora procuraban descualificalo e degradalo publicamente. Xa sabes daquela figura metafórica freudiana de “matar ao pai”. Aproveitáronse del e da súa capacidade de influencia no mundo académico. Utilizárono. Beiras sempre foi moi legal con eles. No tema político Beiras quería ir máis acelerado e por un vieiro concreto e os outros afastáronse del e arrimáronse ao poder emerxente dos socialistas que, xa se intuía, poderían chegar ao poder máis cedo que tarde. Moitos deles viñan orixinariamente do Partido Comunista. Abeiráronse ao futuro en clave do Estado español e procuraron degradalo, porque el optou por comprometerse co Noso País.
Os CAF [Comités Abertos de Facultade] agroman, xusto na época na que Beiras comeza a exercer como decano de Económicas no 82. Dende alí van espallándose ao resto das facultades, nunhas con máis implantación que noutras, pero con gran influencia na vida universitaria. Cando entras ti nos CAF?
Eu entro en cuarto de carreira, xusto cando Beiras deixa o decanato. Nos CAF na nosa facultade naquela altura había moita xente. Eu asistía a todas as asambleas convocadas polos CAF dende o comezo. O meu activismo en primeira liña nos CAF, dentro do Comité de Centro de Económicas, podemos datalo dende o curso 1983-84 en adiante. Eu tiven moita relación co delfín do catedrático Luís Caramés. Estou a falar de Miguel Vázquez Taín, o irmán do xuíz que lle meteu man aos narcos galegos e que atopou o Códice Calixtino agachado. Taín estaba na órbita do sindicato estudantil abeirado ao PSOE que, na xeira de Pajares, gobernaba na USC. Logo chegaría el mesmo a vicedecano e a vicerreitor. Exerceu como profesor de Sistema Tributario, Fiscalidade empresarial e Fiscalidade internacional. Situouse moi ben, esmo como presidente do Consello Galego de Economistas. Hogano mantemos boa relación profesional.
Volvemos a Beiras. El, que é un tipo moi intelixente, sabe que lle levan chamando arroutado dende os anos 70. En declaracións públicas ten aludido moitas veces “ao tolo e aos seus secuaces”. Aos “secuaces” nalgúns medios e por Compostela adiante chamábanlle os “Beiras Boys”. Considéraste un deles?
Como alumno que o tiña como o profesor con maiúsculas si. Pero iso dos “Beiras Boys” comezou cos seus pupilos na militancia política no PSG nos anos 70, con alumnos como Ceferino Díaz ou González Laxe. Tamén con outros que o seguirían dende o BNG e despois cos que se foron… Martiño Noriega é un dos “Beiras Boys” de hogano, ou se queres un fillo político del, nomeadamente nos últimos tempos, nunha dinámica na que non vou entrar. Moitos discentes del seguimos por outros camiños.
Beiras leva aseverando, dende que escribira “O atraso económico de Galicia” en 1972, que o Noso País é unha colonia interior dentro do Estado español. É Galicia unha colonia?
Non só foi el quen defendeu iso dende hai moito. López Suevos tamén vai na mesma liña aínda con máis ímpeto. Naquel contexto dos anos 70 entendíase que nós estabamos nunha periferia, cunha economía moi dependente do centralismo español, das decisións políticas planificadas en Madrid que non nos beneficiaban. Nun país como Galicia que ten recursos dabondo para xerar riqueza e benestar. Nós podemos defendernos por nós mesmos se tomamos o control da noso destino. O sometemento a un control político radial e centralizado é o que leva a que non poidamos optimizar os nosos recursos para beneficio dos galegos. Enerxía, pesca, agricultura, gandería, industria téxtil, automoción, construción naval, farmacopea… Son recursos nosos cos que xogan para negociar mesmo na Unión Europea. Galicia saíu moi prexudicada con todo iso. Eis a gran contradición. Nos temos un gran potencial que non deixan explotar como deberiamos. Esa superestrutura política impide o noso desenvolvemento. O Estado das Autonomías co famoso “café para todos” non deu respostas axeitadas a Galicia. Ao contrario, pois pretenden esvaecernos, mesmo ir perdendo a categoría histórica que xa recoñecía a II República, á par que o País Vasco e Cataluña. Nos non somos unha economía subsidiaria. Temos recursos e capacidade dabondo.
“A Constitución de 1978 reflicte un modelo de economía de mercado e libreempresa que obedeceu a intereses de grandes multinacionais”. Son verbas do Beiras que engade que iso choca cunha economía concibida como ciencia social. ¿Cal sería o modelo económico menos inxusto deste capitalismo neoliberal, que algúns mesmo chaman salvaxe?
Despois de vivir a crise dos modelos alternativos, non porque foran malos en si, senón por como se desenvolveron, todo o que significou o pensamento marxista no plano metodolóxico segue estando aí. Como din moitos economistas, quen aplica máis o marxismo é o capitalismo. Eu creo nun modelo conxugado. Somos galegos e debemos contemplar unha cuestión social e outra territorial. Eu creo na redistribución da riqueza. Dentro deste modelo hai que ir a unha economía que facilite o acceso á posibilidade da igualdade de oportunidades a todo o mundo. Iso hai que facelo con políticas que estean ao alcance desa arela. Podes denominalo de moitos xeitos, pero hoxe, partindo incluso do modelo vixente, este capitalismo que semella difícil de superar, debe procurar políticas sociais, de igualdade, combinado coa cuestión territorial, que se nos deixe desenvolver razoabelmente. Non é cuestión de poñer agora parques eólicos en todas as montañas e serras galegas, que só obedecen a uns intereses determinados que non deixan riqueza eiquí. O primeiro que debe facer esa economía sería respectar ao individuo e as súas posibilidades de poder medrar nas mellores condicións posíbeis. Nos modelos desta economía mundial globalizada, semella que o importante éproducir e consumir. Defender o teu territorio non significa ser autárquico, ao contrario, significa entenderte mellor cos demais. A Unión Europea eu non a cuestiono en si, pero debemos tratar a todos de igual a igual, aproveitando todas as potencialidades. Nese extremo temos moito por facer. Os galegos máis. Os modelos superados non triunfaron na execución práctica por diversas razóns, incluso se obstaculizou esa posibilidade. Igualdade de oportunidades, reparto da riqueza e o benestar xeral, eis o cerne da cuestión.
De todas as materias que estudaches en Económicas, cal foi a que máis che gustou?
As que máis me gustaron sempre foron as estruturas económicas. Estudan a economía dende a perspectiva do ser humano, dende un punto de vista social. Máis que a micro e a macro que a estudan vecellada máis ao cidadán. Fronte a acumulación de capital, eu aposto pola redistribución da riqueza.
Ti chegaches a ter unha relación de grande empatía con Xosé Manuel Beiras cando eras alumno del en Económicas. ¿Podes relatar a “aventura académica” do Courel?
Cando cursei Estrutura Económica de Galicia, o Beiras propúxonos facer un traballo de campo, que era unha boa experiencia, mesmo afastada de tanta teoría. Facer un estudo agrario dunha zona. Escollemos o Courel e implicámonos toda a clase. Deberiamos saber o que existía e logo que medidas se poderían aplicar. Fixemos unha enquisa con técnicas estatísticas. Fomos alí nunha Semana Santa. Alugamos dous Land Rovers e levamos tres turismos máis, entre eles o meu Renault 5 [R5] e o Citroën BX de Beiras. El conseguiu parte do financiamento a través do Banco Exterior que tiña como asesor ao prestixioso economista [e novelista] José Luís Sampedro, co que mantiña amizade persoal. A estancia e o desprazamento cubriuno aquel financiamento. Mesmo penso que o Beiras puxo cartos do seu peto. A comida pagámola nós. Ademais de traballar alí, o Beiras levounos un día á casa do poeta Uxío Novoneyra que, naquela altura, estaba alí en Parada do Courel. Sempre foron moi amigos. Hoxe funciona aquela casa como sede da súa fundación e como museo. Contáranos Novoneyra que a fixera o seu bisavó no último terzo do século XIX e que lle chamaban a Casa da Fonte. A típica casa grande vencellada co mundo rural de montaña con horta, patio, palleira, bodega, carpintería e forxa, na procura de ser autosuficientes. Nos estivemos no Courel 8 días, de venres as venres. Fora en cuarto de carreira, no curso 1983-84. Para preparar aquela enquisa estudamos, ao longo do curso, datos de todo tipo sobre o Courel. O Beiras trouxera a un dos seus fillos. Eu levaba un pouco a coordinación de todo o grupo no que se refire ao traballo de campo. Eramos case trinta alumnos os que nos embarcamos naquela experiencia. Eu xa estaba no Burgo como activista e xa coñecían na facultade aquela fasquía miña. Cos cinco coches iamos a cinco núcleos de poboación do Courel diferentes cada día [o concello está conformado por 54 núcleos]. Percorremos todo o Courel naqueles oito días. Tiñamos que procurar as casas que botaban fume pola cheminea, pois así sabiamos que alí había alguén. Xa daquela había moitas casas baleiras. Cada enquisa levaba facela media mañá. Lembro que eran uns oito folios. Ademais tiñamos que “romper o xeo”. Ao comezo a xente escapábanos. Pensaban que viñamos de Facenda. Desconfiaban. Denantes de responder a unha pregunta querían saber que declarara o veciño. Unha vez dixémoslle a un paisano que o seu veciño nos contara que tiña cinco vacas. Como mentía, pois tiña moitas máis, el respondeu que non tiña ningunha. Resultaba complicado que nos contestasen correctamente. Nos estabamos residindo aqueles días en Seoane, unha aldea que antano fora capital municipal e que administrativamente está inserida no actual concello de Folgoso do Courel. Seoane era o núcleo máis grande. Daquela tiña máis do dobre de habitantes que hoxe. Pensei que, como no pobo coincidía que había baile aqueles días, subín ao palco cunha compañeira de clase e dixémoslle pola megafonía que eramos estudantes da universidade e que estabamos facendo un traballo para o profesor Beiras que era amigo do poeta Novoneyra e que non eramos de Facenda. O cantante da orquestra axudoume dicíndolles que nos fixesen caso. Dende aquel día tivemos as portas abertas en todos os sitios. Ademais de traballar faciamos esmorga todos os días, queimadas, cantatas, tertulias co Beiras. El falaba de todo. Non só de política como pode pensar moita xente. Era, no trato, moi correcto con todos nós. Nas distancias curtas era moi próximo. A min deume matricula de honor en Estrutura Económica de Galicia.
Xa rematada a carreira ti seguiches tendo relación co Beiras.
Eu entrei en política activa pouco despois de rematar a carreira. Dende o curso que me deu clase, el sempre soubo quen era eu. Mesmo estando xa no Bipartito (2005-2009), veu visitarme ao meu despacho na Dirección Xeral de Acción Social en Compostela. Mesmo tiven que facer de mediador entre el e Anxo Quintana máis dunha vez, pero disto xa falaremos cando lle metamos o dente ao Bipartito. Eu trouxen a Beiras a Maceda tres ou catro veces en varias convocatorias electorais. Fun con el a varios concellos da provincia de Ourense pra facer campañas, nomeadamente da comarca Allariz-Maceda e tamén da Limia, que era onde nós tiñamos máis implantación.”