NEIRA VILAS E GÓMEZ GAYOSO (2)

NEIRA VILAS E GÓMEZ GAYOSO (2)

Concha Abad, José Gómez Abad e Xosé Gómez Gayoso, La Habana, Cuba, 1941

En 1991 Xosé Neira Vilas compuxo un poema á memoria de Gómez Gayoso. Apareceu publicado en As últimas horas de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane, loitadores antifranquistas: caída, tortura e execución por garrote vil (1948) e coroa poética en gabanza da súa grandeza militante con outras páxinas antifranquistas (2003) en Edicións do Castro, opúsculo de Xesús Alonso Montero e Xosé Ramón Fandiño, co gallo da inauguración, no Cemiterio de San Amaro da Coruña, do mausoleo que o PCG levou adiante o 13 de decembro daquel 2003. O poema de Neira Vilas aparece nas páxinas 41-42:

TRES CARTAS (1991)   

Era o seis de novembro do corenteoito.

Eran as cinco da mañá.

Eran tres leiriñas brancas

sementadas de palabras.

Tres cartas

rebordantes de vida

riscadas na soleira da morte.

Unha ás dúas fillas de Vigo,

outra á compañeira,

e a terceira ó neno.

Era a palabra fulxente de agarimos.

Era a fe e o sosego do guerreiro.

Era a mensaxe

de quen matou por amor

e amando morre.

Un ideal que vive

máis alá do folgo,

máis alá do tempo.

Unha luz que sigue escintilando

diante de todos nós.

Era Xosé Gómez Gaioso.

Era aquel home de pantrigo e de aceiro.

Era un invencible corazón

que lle sorrí ó verdugo

mentras se enxuga a tinta

daquelas despedidas,

daqueles tres disparos ó futuro…

A xeito de post-data,

un ferollo asasino

premeu a gabia do heroi de Maceda.

XOSÉ NEIRA VILAS

Lápida á memoria de Gómez Gayoso e Antonio Seoane no Cemiterio de San Amaro na Coruña. Foto: Santiago Prol

Os comentarios están pechados.