NEIRA VILAS E GÓMEZ GAYOSO (1)

NEIRA VILAS E GÓMEZ GAYOSO (1)

Portada do libro. Edicións do Castro, 1991

Agora que xa sabemos a personalidade á que lle van dedicar as Letras Galegas en 2027, queremos vindicar un dos seus libros, apenas citatado dentro da súa inxente obra literaria. Guerrilleiros de Xosé Neira Vilas saíu do prelo de Edicións do Castro en 1991. Nel dedícalle case a metade do texto (pp 123-208) a un destacado fillo de Maceda da primeira metade do século XX. Titulouno “XOSÉ GÓMEZ GAYOSO: TRAXECTORIA DUN HEROE”. Naquela altura moito do que sabemos hoxe sobre Gómez Gayoso aínda estaba por escribir. O propio Neira Vilas di que fixo “un collage de información e documentos co propósito de contribuir a achegarnos á traxectoria e á conduta deste heroe galego do noso tempo”.

Ademais dun esquema biográfico, aporta testemuñas capitais como a de Santiago Álvarez e a de Luís Soto. Outrosí “Cartas dende o camiño” e “Cartas dende a cadea”. Tamén a solidariedade dende Cuba, Gayoso no cinema cubano, cartas da Pasionaria, coplas de Rafael Alberti, fotografías da súa vida, documentos capitais e unha escolma de prensa ao abeiro da súa condena a morte (coa conseguinte presión internacional) e a súa execución “a garrote vil”, o 6 de novembro de 1948, na prisión provincial, moi perto do Campo da Rata e da Torre de Hércules da cidade da Coruña. Beizón!

Os comentarios están pechados.