O CARDEAL QUIROGA NA OLLADA DE XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ

O CARDEAL QUIROGA NA OLLADA DE XOSÉ RAMÓN BARREIRO FERNÁNDEZ

O papa Xoán XXIII e Quiroga Palacios en Roma, ca. 1960.

O vencello do Cardeal Quiroga Palacios co historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández focalizámolo nomeadamente na segunda metade da década dos 60 e comezos dos 70. Naquela altura Barreiro exercía o sacerdocio e oficiaba misa en galego. Como teólogo, sociólogo e profesor, era un dos homes de maior confianza de don Fernando (até a crise do Seminario Maior, coa folga xeral, na primavera de 1971 da que falaremos noutra achega). Barreiro tamén dirixiu a revista Compostellanum e axudoulle ao Cardeal de Galicia levar adiante consignas do Concilio Vaticano II que moitos relixiosos non acababan de asimilar eiquí… Licenciado en Dereito Canónico pola Universidade Xeorxiana de Roma en 1963, obtivera o doutorado en 1965. Logo, xa secularizado, dende a súa prestixiosa cátedra de Historia Contemporánea na USC, procurou que o facho de Quiroga Palacios se mantivese aceso, dirixindo teses doutorais, tesinas e outros estudos arredor do mesmo. Mágoa que non fixese el o libro que tiña “en débeda” co prelado orixinario de Maceda.

Barreiro, que chegou a presidente da RAG, fixo o propio dirixindo a tese doutoral de Xosé Luís Mínguez Goyanes. Sintetizada no volume “Quiroga Palacios no seu tempo”, publicouno o Consorcio de Santiago e a Editorial Sotelo Blanco en 2000, no centenario do nacemento do Noso Cardeal na vila de Maceda. Nel imprentou Barreiro un prólogo moi clarificador do que hoxe achegamos dous parágrafos:

“O primeiro que me chamou a atención de Quiroga Palacios, cando o coñecín ós 11 anos nos Picos, de Mondoñedo, foi a súa maxestosidade. E aquela primeira impresión xa non me abandonou máis, nin sequera cando, co paso do tempo, a miña convivencia con el foi máis íntima, cando cheguei a ter con el conversas íntimas no seu despacho privado, en pantuflas e fumando tabaco negro. Rindo e falando en galego comigo, xamais depuxo aquela pose maxestosa.

Quiroga Palacios tiña formas de bispo á vella usanza, pero o corazón que latexaba baixo a púrpura era un corazón bo. O seu forte temperamento translucíase ás veces a través dos seus ollos azuis e grandes. Denantes e despois do Vaticano II foi bispo amigo, bispo pai, máis que bispo inspector. Amou a Galicia en cuxa lingua escribiu tan belidamente nos seus anos mozos, e que sempre reservou para a súa intimidade e cuxos dereitos procurou defender“.

Os comentarios están pechados.