QUIROGA PALACIOS A PROL DO GALEGO DENDE SEMPRE

No número 25 da revista Logos (xaneiro de 1933), o daquela sacerdote Fernando Quiroga Palacios, que acababa de cumprir 33 anos, imprentou unha colaboración (en galego) que titulou “Insistindo. Verbas dun crego”, que consideramos capital na súa traxectoria. Lapidario remata:
“Os fieis cansados de ouvir verbas que non entenden, que non lles soan, que non lles falan, escoitan sen ouvir, ven falar sen entender. O crego é para eles o verdadeiro cimbalum sonans, que non pasa dos oídos, que non lles fai tremer nin a máis sinxela freba do seu corazón.
Quédanse coa palla namentres o celme da verdade evanxélica pérdese entre os xestos cómicos e as verbas rimbombantes dunha linguaxe que non é de un.
Eu teño pra min que o crego da aldea, non pode levar a cabo a súa misión esencial, a súa obriga de ensinar o Evanxeo, namentres non o ensine en galego. E até outra se Deus quer”.