OS CONDES DE MACEDA, A BARCA E MUXÍA [EN BUCLE]

OS CONDES DE MACEDA, A BARCA E MUXÍA [EN BUCLE]

Sinalización arredor do Santuario da Virxe da Barca en Muxía. Foto: Santiago Prol

Xa dixemos nalgunha achega anterior que imos até Muxía todos os anos dende que residimos en Compostela. Mesmo que chama a atención ao chegar, que nos grandes carteis colocados polo concello apareza un vencello evidente con Maceda: “Santuario da Virxe da Barca. O templo deste santuario data do século XVII e garda os sepulcros dos condes de Maceda, que foron mecenas da obra”. Se damos un paseo pola vila, mesmo podemos ollar a Rúa Condes de Maceda. O mecenado e o agradecemento en Muxía semellan indiscutíbeis.

Cando nos mergullamos nos “Nobres vencellados ao castelo de Maceda” [Prol: 2009], fixemos unha disección do volume en 6 capítulos [máis o Memorial de1709]. No último [“O Condado de Maceda”] centrámonos nos condes e condesas máis salientábeis. Ao reparar en Joseph Benito de Lanzós e Nóvoa, Grande de España de 1ª Clase, inserimos un parágrafo sobre o seu descanso derradeiro [páx. 172] que volvemos recuperar desta volta:

Fonte: “Nobres vencellados ao castelo de Maceda” [Prol: 2009]

“Repousan os condes de Maceda no santuario mariano da Virxe da Barca [Muxía, A Coruña], ao carón da Pedra de Abalar e da Pedra dos Cadrís. Sobre aqueles cantís antano rendíase un culto megalítico ancestral [pagán]. Hogano, a comezos de setembro celébrase alí unha sonada romaría popular [festa declarada de Interese Turístico]. Na vila de Muxía teñen dedicada á súa memoria a rúa Condes de Maceda. Joseph Benito de Lanzós e Nóvoa fixera testamento perante o escribán Simón Rodríguez na cidade de Santiago de Compostela, o 10 de novembro de 1725. Nel ordenaba lle desen sepultura con dous hábitos: un de San Francisco e outro de Santo Domingo. Outrosí que os seus ósos fosen trasladados ao santuario da Nosa Señora da Barca, en Muxía, e que lle aplicasen 4.000 misas. Na inscrición superior do seu sartego cincelaron o 23 de novembro daquel 1725 como data da súa morte (…). O conde de Maceda xace no altar maior ao pé do Evanxeo e a súa dona, a condesa de Taboada, no lado da Epístola. Nos seus sartegos cincelaron as súas armas (…)”.

Fonte: Vídeos Luismi
Os comentarios están pechados.