POEMA DE X. L. PARENTE DEDICADO A RISCO

POEMA DE X. L. PARENTE DEDICADO A RISCO

Portada do libro “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República” [Prol: 2006], coa Serra de San Mamede como pano de fondo. Arquivo do autor.

Maceda é terra de poetas. Dende Afonso X o Sabio até hoxe temos un bo feixe deles. Desta volta recuperamos un poema que imprentamos na páx. 102 do volume “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República” [Prol: 2006]. Ía consagrado a don Vicente Risco, o seu gran referente ideolóxico. Dedicaríalle outros aos egrexios ourensáns do galeguismo dos anos 30 do século pasado cos que tivo amizade acesa [Otero Pedrayo e Alexandre Bóbeda]. O que lle dedicou X. L. Parente a Risco titulouno “Trepade a gusto”. Xa aparecera en 1933 no seu poemario bilingüe “Con prisma azul”, que levaba un prólogo de don Ramón fechado en Trasalba no verán daquel ano. Nel insería Otero Pedrayo: “Xosé Lois Parente ten os ollos afeitos a galgar na penedía azul do San Mamede, e azuis son as somas do verán, as lonxanías dubidosas do horizonte e da mocidade, azul e senlleira galaxia que cruza a bandeira galega”. Eis o poema:

“Debrúzome na hora do caer da tarde, / no antepeito do balcón da Serra, / e gózome en ver o val galego / como docemente topenexa.

Bárbaros progresistas da cidade, / trepade a gusto que dormita a aldea. / Non sabedes o que é durmir un sono; / un brando sono, sen tropel de ideas”.

Os comentarios están pechados.