CELSO MONTERO ENTREVISTA A F. CARBALLO HAI MEDIO SÉCULO

Recupera o xornal La Región, cincuenta anos despois, a entrevista que lle fixera o crego Celso Montero (xa na órbita do PSOE do que logo sería senador) ao presbítero Francisco Carballo (xa na órbita do nacionalismo galego), co gallo dunha charla no Ateneo de Ourense. Titulárana “A Eirexa de Galicia ten que estar máis ó lado do pobo”:
“A Eirexa na Galicia Contemporánea” foi o tema dunha das mellores conferencias que se levan dado no Ateneo de Ourense. O autor, Francisco Carballo Carballo, natural de Celeirón (Maceda), teólogo, sociólogo e historiador que hoxe traballa en Vigo en colaboración con Alfonso Magariños na obra “A Eirexa de Galicia no século XX”, que apunta a ser de referencia.
¿Que etapas ou períodos principais distinguides na vosa obra?
O libro que agora vai publicarse abarca só a época da II República. Pero forma parte dunha obra máis extensa, que comprenderá tamén a época franquista (2 tomos) e a anterior á II República até a crise da Restauración.
¿Son moi parecidas as características da actuación da Eirexa galega ás da Eirexa española en xeral?
Hai unha uniformidade substancial, dado que até Pío XII a Eirexa caracterizouse por un gran centralismo. As diferencias da Eirexa galega son as que lle veñen do Noso País, non da Eirexa.
¿Que bispos da Eirexa galega destacarías como máis enraizados no pobo galego?
Entre os máis próximos ó pobo eu destacaría a Manuel Lago González, que foi bispo de Tui e logo arcebispo de Santiago e despois a don Fernando Quiroga Palacios (tamén natural de Maceda).
¿Que crees é o máis necesario hoxe para a Eirexa galega?
A Eirexa ten que estar máis ó lado do pobo e pensar o cristianismo dende o Noso País. Do contrario, quedará irremisibelmente marxinada”. ENTREVISTA DE CELSO MONTERO (1976).