JOÃO DA NOVA EN ORMUZ (2)

Na biografía João da Nova. Un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal (Santiago Prol, 2002), no subcapítulo “O emporio de Ormuz” (pp. 232-233), imprentamos: “O 25 de setembro de 1507 João da Nova e Afonso de Albuquerque achegáronse ao ancoradoiro principal de Ormuz. Un enclave estratéxico entre o Golfo de Omán e o Golfo Pérsico. Gozaba dunha merecida fama como cidade cosmopolita de vertixinosa actividade comercial. Abraiaba a canto estranxeiro se achegaba. Podíanse atopar mercadores mouros e xudeus de todo Oriente Medio. Tamén chineses que compraban e vendían toda clase de mercadorías: especias, luxosos tecidos, cabalos persas, pedras preciosas, auga de rosas, perlas, incenso, opio… Proviñan da India, Insulindia, Malaca, Molucas, China (…).
Ormuz conformábase como encrucillada de case todo o comercio marítimo que se desenvolvía entre Arabia, Persia, Turquía e India. Os grandes comerciantes e os xefes das caravanas que cruzaban o deserto, tiñan alí moradas. A urbe semellaba un enxame multicolor de xentío; arrecendente, exótico, excesivo en case todo. Unha das cidades máis opulentas do mundo coñecido naquela altura (…). Os cabalos cotizábanse a prezos astronómicos. Os portugueses axiña tentarían acaparar o monopolio do seu comercio, pois eran moi demandados polos reis indostánicos (…). Ormuz funcionaba como un pequeno estado case independente. Indirectamente dependía (subalternizado) do emperador de Persia. Dominaba extensos territorios árabes”.