ATENAS & PELOPONESO, XANEIRO DE 1989

ATENAS & PELOPONESO, XANEIRO DE 1989

Portadas das guías de Grecia manexadas. Foto: Santiago Prol

Todas as viaxes deixan pisadas. Algunhas quedan acesas na memoria. En xaneiro de 1989 estivemos cinco días en Atenas e logo, outros catro, de circuíto polo Peloponeso [nun autobús que conducía Dimitri por unhas estradiñas cheas de ramallos de flores e cruces ao carón, en moitas curvas á memoria dos accidentados]. Visitamos naquela altura Corinto, Lepanto, Micenas, Nauplia, Epidauro, Tripoli, Olimpia, Patras, Nafpatkos, Delfos, Tebas… Nalgúns deses lugares non deixaban entrar ás mulleres nos bares ou nos cafés. Semellaba a Grecia profunda…

Diante do Partenón, 15/I/1989. Arquivo do autor

A primeira impresión da capital foi desconcertante. Chegamos a Atenas pola tardiña. Paramos nun hoteliño dende o que se podía ollar a Acropolis [perto da zona de Anafiotika]. Estaba todo pouco iluminado. Anoitecía cedo. Facía moito frío. O gatos nocturnos miañaban a esgalla polos tellados. Ollamos pobreza. Estabamos en pleno mes de xaneiro. En Atenas mercamos dracmas, a moeda do país [levabamos dólares, pesetas e unha Visa]. Compramos un par de vinilos de música tradicional grega. Tamén cerámica con reminiscencias ao período helenístico. Comemos de pincheo en tabernas e cafeterías pola zona de Plaka [onde mercabamos o xornal El País, que chegaba a media tarde], Praza Syndagma e Praza Omonia. Probamos o “suvlaki”, unha especie de pincho moruno ao estilo grego. Tamén “pita”, unha pasta de carne encebolada e ovo nunha torta. E a “tiropita”, una empanadilla de queixo. Outrosí tortillóns con moito queixo de cabra… Bebemos birras gregas. Probamos o seu viño cocido [“samos”] e o de resina. Ofrecían sempre, ao remate das comidas, un augardente anisado do país [“ouzo”]. Ao café grego chamábanlle “ellinikós kafé”, consonte a “Guía do Trotamundos. Grecia” que levabamos. Alí mercamos outra de Atenas ilustrada. En Epidauro [onde teñen o teatro mellor conservado da Antigüidade] compramos unha do Peloponeso. Ao regreso da viaxe conseguimos a guía de Atenas de Berlitz e a de Grecia de Mondadori.

Cambio de garda diante do Parlamento grego. Atenas, 16/I/1989. Arquivo do autor

Nos días que estivemos en Atenas visitamos a Ágora Antiga, o Mercado Central, o rastro [abeirado ao hoteliño], a Acrópolis [Partenón, Templo de Atenea, Cariátides no Erecteion, Museo da Acrópolis, Odeón de Herodes Ático…]. No Museo Arqueolóxico Nacional había moito desorde e descuido. O Monte Likavitos amosounos unha vista engaiolante de Atenas en 365º. Pasamos polo Xardín Nacional, a Porta de Adriano, o Olimpeón. Outrosí o Estadio Panatenaiko [en forma de ferradura que fora construído en 1895 para os Primeiros Xogos Olímpicos da Era Moderna, feliz idea do francés  Barón Pierre de Coubertin]. Ollamos, o sábado e o domingo pola tardiña, a cerimonia relixiosa de casamentos polo rito ortodoxo na catedral metropolitana de Atenas. Estivemos en Monastiraki, no Templo Olímplico de Zeus,  de terraceo pola Praza Syndagma, a máis grande e suntuosa de Atenas. Moi perto estaban, diante da fachada principal do Parlamento de Grecia e o túmulo do soldado descoñecido, os “evzóns” da garda presidencial, os famosos soldados “da boa cintura”, vestidos con traxe tradicional [cunha saia de 400 pregues]. Unha parafernálica posta en escena que ollamos o sábado e o domingo co cambio de garda. Tamén fomos até o Pireo [o porto de Atenas] en metro dende a Praza Omonia. Ollamos os asteleiros do magnate Aristóteles Onassis [o que casara coa soprano María Callas e logo coa viúva de John F. Kennedy]. Eran de menor porte que os de Astano [Fene]. Tamén estivemos no singular Mosteiro de Kaissariani…

Os evzóns diante do túmulo do soldado descoñecido. Atenas, 16/I/1989. Arquivo do autor

Levamos a “Pentax” cun carrete de 36 fotos. Había que priorizar as que iamos tirando. Comparando as fotografías de antano cos vídeos de hogano [na arañeira], comprobamos que aquela Grecia de hai 35 anos mellorou exponencialmente. Eis un exemplo:

Fonte: El Viajero Feliz
Os comentarios están pechados.