OS OLEIROS DE NIÑODAGUIA
A contorna de Maceda foi, dende tempos inmemoriais, terra de oleiros: Tioira, Cimadevila, Carguizoi, Sarreaus, Batán… En todos eles houbo artesáns do barro [tamén na vila]. O terreo arxiloso da parte inferior da depresión tectónica de Maceda facilitou esa actividade. Eiquí tamén os coñecemos como cacharreiros, xerreiros ou, na versión castelanizada, como alfareiros. Tiramos do historiador Xosé Manuel Vázquez Varela na voz “Alfarería” [GEG, t.1]: “Nos anos 30 [do séc. XX] os principais alfares galegos estaban en Buño (A Coruña), Gundivós, Bonxe, Mondoñedo (Lugo), Bamio (Pontevedra), Niñodaguia, Tioira, Lañoá, Rubiana, O Seixo, Portomourisco, Santo Tomé e Lobios (Ourense). Hoxe [anos 70] só sobreviven catro: Buño, Bonxe, Niñodaguia e Mondoñedo. Todos eles en condicións precarias”.
Imos deternos desta volta en Niñodaguia [non en Niño de la Guía, como pretenderon en Terra Ancha a mediados do século XIX (dende a época de Pascual Madoz) e logo no franquismo]. Atópase inserido no concello de Xunqueira de Espadanedo [de espadana, sen “ñ”]. Na contorna moita xente denomina esta aldea como Nodaiga [pinchar eiquí]. Aparecen rexistrados pouco máis dunha dúcia de alfareiros no histórico Catastro de Ensenada [séc. XVIII]. Nos bos tempos chegou a ter un cento de obradoiros [comezos do séc. XX]. Case toda a aldea vivía desta actividade artesanal. As barreiras abeiradas, procedentes dos sedimentos do fondo da depresión tectónica de Maceda, facilitaron o proceso ao non ter que traer a materia prima doutras zonas. Os de Niñodaguia extráeno dunha singular veta branca no Monte do Barro na Veigachá que o fai único [os alfareiros desta aldea mercáronlle ese monte ao Concello de Maceda ao decatarse da súa importancia]. O declive veu coa despoboación do rural e coa modernidade [maiormente plastificada], mesmo coa reconversión en fábricas de ladrillos que, temporalmente, proporcionaron numerosos postos de traballo. Coa mecanización e a desaparición dalgunhas fabricas [asentadas na Veigachá], esa actividade tamén quedou baixo mínimos.
Luciano García Alén, un recoñecido xinecólogo vencellado ao Hospital Clínico da Rosaleda [Compostela], foi o gran vulgarizador e dignificador deste oficio ancestral. Os seus traballos de campo dende os anos 70 do século pasado, remataron en varias publicacións. Imos deternos na pioneira. O Museo do Pobo Galego, do que el era membro fundador, tirou do prelo, co patrocinio da Caixa de Aforros de Galicia, o singular volume “Os oleiros” de García Alén. Comeza cun mapa no que podemos ollar 15 lugares da toponimia galega coa verba “oleiros”. Logo insire outros mapas coa olaría nos séc. XVIII, XIX e XX.
Imos deternos no que el denomina: “Unha aldea de oleiros progresiva: Niñodaguia” [ademais deste lugar pertencente a Xunqueira de Espadanedo, hai outros dous co mesmo nome nos concellos de Santiso e no de Baltar]. Ubica García Alén esta aldea á beira da estrada, “que dende as terras de León chega deica Ourense”. Evoca unha cantiga popular: “Ao entrar e Niñodaguia / o primeiro que se ve / as taciñas a secar / os forniños a cocer”. Aporta que os oleiros traballaban na cociña ou no curral. Os tornos sempre foron de roda alta. Os alpendres estaban montados fóra das casas. As actividades eran conxuntas con dous ou tres oleiros, o que lles permitía unha mellor organización do traballo e unha comercialización máis produtiva.
Seguimos intertextualizando a García Alén: “Os cacharros máis antigos de Niñodaguia facíanse cun barro que tomaba cor amarela ao cocerse. Esas vaixelas tradicionais dedicábanse á medida do viño nas ribeiras, outras á matanza do porco, para gardar a graxa, para a auga ou para o leite. Cando debían ir ao lume engadíaselles certa proporción de barro areoso (…). A partir de 1935 tamén se fan pezas cun barro que toma cor parda encarnada ao cocerse, polo que se di destas máis modernas que son de cor roxa e que teñen maior resistencia ao lume (…). Os fornos máis antigos eran de uso comunal [hoxe hai varios restaurados]. Estaban formados por un círculo de pedras non excesivamente elevado, polo que os cacharros sobresaían bastante por riba da beira superior; a parrilla estaba feita de ladrillos verticais. Adoitábase dispor un forno grande á par doutro máis pequeno, onde se recocían as vaixelas mal cocidas anteriormente. Na actualidade cada obradoiro dispón de forno propio. Niñodaguia trata de satisfacer ao gran público rural-urbano, que busca esencialmente na alfarería unha motivación decorativa”.
Logo cita diferentes cacharros de Niñodaguia [con debuxos de Xosé Manuel Gómez Vilasó]: ola ou cántaro (viño), alcuza (aceite), barreñón (matanza), almufia (sangue do porco), fonte (xantar comunitario), prato copo (xantar), xerro do leite, xerra da auga, xerro do viño, cazolo ou gobelete (manteiga do porco), cunca ou taza (viño), pota (cocer castañas, patacas ou chourizos)…
Hogano temos o Museo Taller da Olería de Niñodaguia que nos mergulla nunha sedutora viaxe ao corazón deste oficio ancestral. Nel poderemos ver recreada unha vivenda de antano, un antigo forno, descubrir os usos das vaixelas, o manexo do torno, a maseira, as ferramentas, unha cumprida exposición de pezas antigas [algunhas de hai 400 anos]… Mesmo un espazo dedicado a Luciano García Alén [Fillo Adoptivo de Xunqueira de Espadanedo], que legou boa parte dos vestixios que foi recuperando por todo Galicia e que podemos ollalos eiquí. Atopamos na arañeira este vídeo de Telemiño [pendurado en plena pandemia, 31/VII/ 2020].
Tamén localizamos outro didáctico vídeo da Canle Ribeira Sacra titulado “Ao pasar por Niñodaguia o primeiro que se ve”, no que José Vázquez Vázquez, fillo do histórico alfareiro Agustín Vázquez Ferreiro, mergúllanos de cheo neste oficio ancestral tan noso, dende o seu taller de olería en Niñodaguia [que se pode -e debe- visitar na estrada xeral]. Beizón!
N.B.- Outrosí achamos unha interesantísima bitácora sobre o que nos interpela hoxe [autoría de M. Eugenia Muñoz], co título xenérico: “Turismo&Cultura. Xunqueira de Espadanedo. Ribeira Sacra”. Salientemos desta volta o aqueladísimo traballo “Olería Niñodaguia” [pinchar eiquí]. Graciñas mil!!!