O LIBRO DAS “CONVERSAS” PENEIRADO NA REVISTA “YUCA” (3)
No apartado 2.3, A persoa de Francisco Carballo, o crítico Abel Yebra engade que o presbítero ilustrado de Maceda “é o neno que nace no lugar de Celeirón [parroquia de Asadur, concello de Maceda, bispado de Ourense], que se pon a estudar seguindo os pasos do seu tío paúl, até ordenarse aos 24 anos. É o xoven soñador que, engaiolado pola vida do paúl mártir Perboyre, solicita ir de misioneiro á India. É o inquedo intelectual que gusta das matemáticas e completa os seus estudos licenciándose en Historia. É o xoven misioneiro de interior, que rexeita impartir as tremebundas e apocalípticas predicacións das verdades eternas e se atén ao ensino catequético e ao da doutrina social. É o ousado clérigo que comulga cos outros curas independentistas vascos. É o intrépido reitor que se emprega a fondo pra poñer en marcha no teologado de Salamanca, contra vento e marea, a reforma do Vaticano II. É o cura comprometido que se afana por inculturar á Igrexa nos redutos do esquecido pobo galego. É o cidadán soñador que se une ao Bloque Nacionalista Galego [BNG] e se manifesta na rúa pola igualdade, a independencia galega e o emprego do idioma galego tamén nas igrexas.
¿É un revolucionario? Nun intre avanzado do libro, son os propios autores [Santiago Prol e Xan Carballa] quen lle preguntan se será unha ovella descarreirada. Entón Francisco Carballo dóese á vez que confesa: “Criticáronme por apoiar ao BNG, por ser amigo dos obreiros, por vivir nun piso como se fose un currante…”