VIDA E MORTE DUN COMUNISTA

VIDA E MORTE DUN COMUNISTA

No suplemento “Culturas” do xornal La Voz de Galicia [14/VI/2008], aparece unha recensión do noso libro “Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30” [Santiago Prol, ANT, 2008] da man dun historiador especialista nesa xeira histórica. Estamos a falar de Carlos Fernández Santander, que publicara un dos volumes de referencia quince anos antes [“El alzamiento de 1936 en Galicia. Datos para una historia de la Guerra Civil”, Eds. do Castro, 1983]. Outrosí moreas de columnas sobre ese tema no xornal coruñés ao longo da súa vida. Eis a recensión:

“Unha das maiores persecucións dos franquistas na Guerra Civil en Galicia contra unha persoa e a súa familia foi a de Benigno Álvarez, veterinario de Maceda e xefe do Partido Comunista en Ourense. Fuxido polos montes tras o alzamento contra a República en xullo do 36, posto prezo a súa cabeza por unha coñecida aristócrata ourensá, fora atopado morto (estaba enfermo do peito) polos feixistas, que se atribuíran o que non fixeran e pasearan o cadáver polos pobos da provincia.

O seu irmán Demetrio fora fusilado, tras un consello de guerra sumarísimo no mesmo ano 36, mentres outros irmáns, Xosé e Pedro (que tiña 18 anos) fuxiran a Portugal, foran devoltos (pola PIDE) e asasinados perto de Tui.

A compañeira de Benigno, Enriqueta, fora detida e torturada na cadea [en Verín], onde tivera unha filla, Loliña, cuxo estremecedor testemuño recolle o autor nos apéndices. Tamén Maruxa, outra irmá de Benigno, fora internada na cadea do Mosteiro de San Rosendo (Celanova).

Todo este drama nárrao de xeito apaixonado, mais veraz e ben documentado, o historiador e mestre Santiago Prol, autor doutras investigacións salientábeis.

Prol, ademais non se limita aos derradeiros anos da vida de Benigno, senón que fai un percorrido pola súa carreira política, comezada do Partido Republicano Radical Socialista (PRRS) e finalizada no Partido Comunista (PCE), integrado na coalición do Frente Popular que concorreu ás Eleccións de febreiro de 1936. Un libro, pois, de gran mérito e básico para a recuperación dunha figura histórica dos tempos da República e da Guerra Civil que permanecía esquecida incomprensibelmente”.  

Os comentarios están pechados.