ROSALÍA DE CASTRO NO SEIXO

ROSALÍA DE CASTRO NO SEIXO

Placa que lembra a estadía de Rosalía no Seixo [Mugardos]. Foto: Santiago Prol

Sempre que nos achegamos ao Seixo dende Maniños, reparamos nesta placa ubicada [dende setembro de 2018] na fachada dunha casa grande radicada no outeiriño urbano deste magnético lugar do Concello de Mugardos [Ferrolterra]. Pulula naquela contorna que Rosalía de Castro e o autor de “La casa de la Troya”, léase Alejandro Pérez Lugín, amosaban certa relación de parentesco [cando morreu Rosalía en 1885, el tiña 15 anos]. Pérez Lugín pasaba tempadas en Maniños escribindo e descansando… Fontes orais ubican unha Rosalía moza divertíndose no Seixo, xa que logo tiña vencellos cos propietarios da fábrica de tecidos do lugar. No poema 33 de “Cantares Gallegos” [1863] titulado “Si a vernos, Marica, nantronte viñeras”, ela fai unha mención expresa á festa do Seixo [na beira do mar]. Dende que saíra o logrado vinilo de Luís Emilio Batallán, “Ahí vén o maio”, que nos puña o Peleteiro pola megafonía no Colexio dos Milagres do Monte Medo dende 1975, escoitamos este poema [fraccionado] moreas de veces na versión musicada por Batallán… ¡Beizón!

Os comentarios están pechados.