NADOS EN MACEDA NA WIKIPEDIA
Antano quen non saía no ESPASA non existía. Hogano quen non sae na Wikipedia non existe [a escala global]. Nesta singular enciclopedia dixital libre, se tecleamos a categoría “Nados en Maceda”, neste intre van aparecer 15 nomes [4 están vivos e o resto xa pasou á outra beira]. Son todos os que están, porén, non están todos os que son. Mesmo faltan algunhas mulleres… Imos nomealos tal e como se manifestan por orde alfabético [se pinchamos nos nomes aparece o enlace]: Benigno Álvarez [veterinario, líder comunista na xeira republicana martirizado en 1937], Alberto Armesto García [zapateiro e militante político de esquerdas represaliado], Xoán Babarro [sobranceiro e prolífico escritor, tradutor, docente e lingüista en clave Nosa], Matías Bobillo [potentado, xurisconsulto e alcalde de Ourense na ditadura de Primo de Rivera], Francisco Carballo [presbítero, historiador, columnista e político nacionalista do BNG], Ramón Gómez Crespo [crego inculturado, director xerente da Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home Galicia], Xosé Gómez Gayoso [político e guerrilleiro antifranquista ultimado en 1948], José Lage Lage [economista e político da UCD e logo do PPdG], João da Nova [alcaide de Lisboa, nobre, navegante e descubridor; o galego máis relevante do séc. XVI], Xosé Lois Parente [poeta, político das Mocidades Galeguistas, telegrafista, xurista e boticario], Narciso Pascual [relixioso beatificado polo papa Francisco en 2013], Santiago Prol [docente, activista, ensaísta e investigador], Quiroga Palacios [cardeal de Galicia e primeiro presidente da Conferencia Episcopal Española], Bieito Seara [economista, docente, alcalde de Maceda e alto cargo do BNG no Bipartito], Manuel Vidal [presbítero, docente, escritor e investigador no 1º terzo do séc. XX].
Desta volta non imos poñer nomes [agás un intencionadamente ao remate], pero existen outras persoas que tiveron a ben vir ao mundo neste privilexiado enclave inserido no Val do Medo, e que tamén poderían estar nesa categoría da Wikipedia [Galipedia en galego]: pandereteiras, artistas, deportistas, retratistas, gaiteiros, pintores, escultores, activistas, músicos, emprendedores, políticos, relixiosos, docentes, sanitarios, empresarios, xente da farándula e doutras artes e oficios… Un bardo trilingüe da condición de José García Mosquera, tamén aparece na Wikipedia, pero non na categoría “Nados en Maceda”, polo que deberían engadilo xa. Este catedrático docente, poeta oficial da cidade de Ourense a mediados do século XIX e Precursor salientábel, compuxo versos en galego denantes que Rosalía de Castro. Nacera en 1917 a carón do mítico Medrollo, ao abeiro da magnética aldea de Castro de Escuadro [coa Serra de San Mamede como pano de fondo]… Hai, xa que logo, máis persoas orixinarias de Maceda, mesmo alén mar, que están demandando un recoñecemento global nesta indispensábel ferramenta dixital do século XXI. Mesmo poderiamos reparar nos plausíbeis “fillos adoptivos” de antano e de hogano… Teriamos que darlle unha volta cumprida á lista, ¿non si? Rematamos esta achega cunha imaxe, por todos os macedáns coñecida, pra que lle vaian facendo un oco a este egrexio ciclista, activista e dinamizador deportivo, que puxo o nome de Maceda a nivel mundial e que demanda entrar, máis cedo que tarde, na categoría “Nados en Maceda” da Wikipedia. ¡Saúde e que así sexa! ¡Beizón!