RECENSIÓN DO LUCAS SOBRE O LIBRO DE X. L. PARENTE

RECENSIÓN DO LUCAS SOBRE O LIBRO DE X. L. PARENTE

Portada do libro coa Serra de San Mamede como pano de fondo (Prol, 2006)

A pioneira e vangardista bitácora do douto amigo Lucas Domínguez amosa unha consigna que sempre nos gorentou [Perturbación Aleatoria. A realidade é un erro froito da nosa subxectividade]. Rescatamos desta volta a recensión que fixo o 6 de abril de 2007 do noso libro “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República” (Postal Editores, 2006). Queremos, dende esta modesta bitácora, agradecerlle ao amigo Lucas o seu traballo, non só por esta fasquía, senón por todo canto leva aportado a prol do noso, exercendo de macedán mesmo dende terras moi lonxincuas en tempos de antano [EEUU, Irlanda…]. Beizón!:  

“Nesta miña actual teima de coñecer máis de preto a diferentes persoeiros de Maceda, mergúllome hoxe entre as follas da obra “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República”. Deste xeito achégome non só ao macedán protagonista do volume, senón tamén ao seu autor Santiago Prol, unha das persoas que máis ten traballado na recuperación da memoria histórica do noso pobo. Persoalmente penso que un dos atractivos do libro é a súa riqueza documental. Santiago Prol non se limita a facer un retrato do poeta e galeguista macedán, senón que ademais pon á nosa disposición toda unha serie de documentos e escritos que facilitan enormemente o coñecemento do Xosé Lois Parente poeta e persoa.

Como macedáns tamén nos resultarán tremendamente atractivos os primeiros capítulos nos que retrata o ambiente e a sociedade macedá de principios do século XX. Deste xeito sabemos do seu nacemento nunha familia acomodada, da súa amizade con Benigno Álvarez ata a chegada da II República, dos seus mitins en Maceda e pola Limia xunto con Otero Pedrayo e con Alexandre Bóveda [do que máis tarde se separaría ideolóxicamente]… Para os que gustamos da literatura ambientada na II República e os primeiros anos do franquismo constitúe un doce difícil de resistir.

En capítulos posteriores Santiago Prol amósanos a importancia de Xosé Lois Parente dentro da dereita galeguista ourensá, e a súa total confianza nas teses mantidas por Vicente Risco. O levantamento militar levaríao a cambiar de residencia en varias ocasións: Celanova, Grado [Asturias], Daroca [Zaragoza]… sempre debido ó seu traballo como funcionario de Telégrafos. Coméntase tamén o expediente aberto durante esta época polo seu pasado republicano, que finalmente non tería maiores consecuencias. A súa curta vida truncouse no 1948, nos anos da posguerra e da fame, tempos duros para un pensador e poeta.

Despois da súa morte os recoñecementos multiplicáronse. Mesmo aparece citado en numerosos tomos e Historias da Literatura Galega, diarios e revistas culturais. A calidade da súa obra ficará tamén na nosa memoria, pois a derradeira parte do libro de Santiago Prol é unha escolma da súa poesía, tanto en galego como en castelán. Porén a súa lectura será, sen dúbida, o mellor recoñecemento”.

Comentarios pechados.